‘Da Ciencia á Ficción’ pon en marcha en Twitter o I Concurso de Microrrelatos Salón do Libro de Pontevedra

‘Da Ciencia á Ficción’ pon en marcha en Twitter o I Concurso de Microrrelatos Salón do Libro de Pontevedra

venres, 06 de Febreiro de 2015

Entre as novidades do programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra para este ano figura o I Concurso de Microrrelatos destinado a alumnado de institutos de Ensinanza Secundaria da cidade, que estes días están a recibir unhas sesións informativas para a súa inscrición.

A iniciativa, que dará comezo o vindeiro luns, 9 de febreiro, adiántase á propia inauguración do salón coa idea de dar a coñecer o evento cultural entre os rapaces. O medio utilizado para tal fin será a rede social Twitter, que fará que a competición sexa aínda máis emocionante, tanto pola súa inmediatez coma polas limitacións coa que se atoparán os participantes.

O concurso premiará a un só estudante e o galardón consistirá en entradas para asistir a unha función teatral en Pontevedra cos seus compañeiros de clase.

A organización do Salón do Libro colgará o luns día 9 de febreiro na súa conta de Twitter, @SalondoLibro, o inicio dunha historia que os participantes deberán completar con, como máximo, tres tuits, que deben levar sempre o hashtag #daCienciaFiccion. No caso de que se publique máis dun tuit, deben indicar a súa orde deste xeito: 1/3, 2/3 e 3/3. Non se admitirá a concurso ningún tuit que no vaia acompañado do hashtag.

Poderanse enviar os finais alternativos á historia ata o 2 de marzo, data na que o Salón do Libro xa estará en marcha. Os tuits deberán estar escritos en galego e ser orixinais, é dicir, non ter sido publicados anteriormente en ningún medio ou soporte.

O xurado estará composto por representantes do XVI Salón do Libro e o seu fallo farase público o 5 de marzo.

Os participantes no I Concurso de Microrrelatos Salón do Libro de Pontevedra cederán gratuitamente á organización os dereitos editoriais de reproducción, distribución, transformación, comunicación pública e calquera outros necesarios, tamén no ámbito dixital, para a comercialización total ou parcial deste en calquera soporte.