‘Star Wars’, ‘Alien’ e ‘2001. Odisea no espazo’ inspiran a montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

‘Star Wars’, ‘Alien’ e ‘2001. Odisea no espazo’ inspiran a montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

mércores, 11 de Febreiro de 2015

Unha semana levan xa dez persoas da Asociación Socieducativa e Cultural Paspallás traballando na montaxe do Salón do Libro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Coordinado por Begoña Paz e María Paz, directoras artísticas do traballo, o equipo está a dar forma a un proxecto no que a ciencia e a ficción, a temática deste ano do Salón, son as protagonistas.

Espellos, luces, probetas, embudos, tubos de ensaio, seres fantásticos, máquinas espaciais e moitas sorpresas están a xurdir pouco a pouco de cara a unha cita que se inaugurará o vindeiro 27 de febreiro e se estenderá ata o 28 de marzo.

Begoña Paz, presidenta de Paspallás, asociación que se encarga da montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dende hai unha década, recoñece que a temática deste ano, ‘Da ciencia á ficción’, resultou “un chisco máis complicada que a de edicións anteriores, porque non deixan de ser nenos, e algúns moi noviños, e hai algúns conceptos que se lles poden escapar”.

Paspallás tivo en conta para o seu proxecto artístico que 2015 é o ano da luz, “polo que a empregaremos como elemento plástico para crear a ambientación”. Ademais, o tema do futuro materializarase tomando como base emblemáticas películas de cine como ‘2001. Odisea no espazo’, ‘Alien, o octavo pasaxeiro’ ou ‘Star Wars’.

O espazo no que quedará convertido nun par de semanas o Pazo da Cultura trasladará a grandes e pequenos ao interior dunha nave espacial, comezando por unha entrada na que se poderán ‘teletransportar’ ata un laboratorio no que os nenos e nenas acharán a fórmula química de Orbit, pasando por un futurista  identificador de persoas.

Polo de agora, a “zona da merenda” é a que está máis avanzada, explica Begoña Paz, que sinal que as cores que se están a utilizar para pintar unha fiestra xigante cara o espazo exterior son as mesmas do cartel oficial do XVI Salón do Libro.

“Este ano haberá moitas sorpresas, e interviremos nun lugar no que nunca antes se fixera nada, pero que aínda non podemos desvelar”, segundo a presidenta de Paspallás, que considera que o caleidoscopio e a estrutura de espellos para crear clons serán as que máis éxito teñan entre os asistentes.