“Teño intentado escribir en castelán, pero só sei escribir en galego”

“Teño intentado escribir en castelán, pero só sei escribir en galego”

sábado, 28 de Febreiro de 2015

“Manuel púxose moi mal da tripa e o seu pai chamou polo veterinario. En toda a vila non había médico (...)”. Baixo o título ‘Un neno normal’ comeza ‘O meu pesadelo favorito’, da escritora María Solar, que hoxe estivo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

A presentación da obra, gañadora do Premio Lazarillo 2014, contou tamén coa presenza do editor Francisco Castro e da crítica literaria Malores Villanueva.

“Sempre lle queres a todas as obras, pero recoñezo que esta é especial porque agora o que fixen foi liberarme absolutamente de todo deixar voar a imaxinación e facer un libro libre”, asegura a autora, que recoñece que para ela “o verdadeiro premio é a xente”.

“Eu quería xogar co absurdo, porque non hai nada máis real que o absurdo. Tamén ten moito humor e moito sentimento. Hai un equilibrio entre as historias que pasan, que te van metendo nun mundo absurdo, fascinante, de soños... É un xogo entre a realidade e os soños”, explica María Solar.

A xornalista di que non adoita enviar obras a certames literarios, pero que nesta ocasión si que apurou o seu remate para que puidera entrar a concurso: “Pensei que tería poucas posibilidades porque a enviei en galego. Eu teño intentado escribir en castelán, pero só sei escribir en galego”.

Este é o ano das traduccións para a creadora de ‘O meu pesadelo favorito’, tanto por esta historia como por ‘A verdadeira historia da mosca da tele’, xa que ambas van ser publicadas tamén en castelán e catalán.

“Este é un libro para tódolos públicos, que ten un solo, dos dez anos, pero que despois pode gozar calquera. Segundo a idade coa que o lean van ler un libro distinto, a captar outros matices. Eu creo na literatura para todos”, afirma Solar, que se declara unha fan do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

 

 “Ademais, este ano vai da ciencia e da ficción, e eu son unha persoa de ciencias e letras, son bióloga e xornalista, por iso vou participar nunha charla no Salón en colaboración co CSIC”, anuncia. Será o 27 de marzo ás 18:00 horas e levará por título ‘Isabel Zendala: cando a literatura rescata á ciencia’.