10.000 nenos/as e adultos participan do XIV Salón do Libro na primeira semana de actividade, superando todas as previsións e acadando a xornada do sábado o maior número de visitas de todas as edicións.

10.000 nenos/as e adultos participan do XIV Salón do Libro na primeira semana de actividade, superando todas as previsións e acadando a xornada do sábado o maior número de visitas de todas as edicións.

domingo, 10 de Marzo de 2013

O espectáculo músico-teatral de “A nena e o grilo nun barquiño” celebrado o sábado no auditorio bateu todos o récords de asistencia nos últimos anos a unha función non concertada con escolares e colgou o cartel de non hai entradas.

PONTEVEDRA. 10 marzo de 2013.- Dende que a 14 edición do Salón do Libro “A toda a máquina” botou a andar o sábado 2 de marzo e ata o peche de hoxe domingo 10, foron case 10.000 os nenos/as e adultos que participaron das actividades do Salón, ben como centro escolar ou público en xeral. Unha valoración máis que positiva, xa que ata agora só se realizou unha función teatral: “A nena e o grilo nun barquiño” que onte non deixou nin un oco baleiro no auditorio do Pazo da Cultura.

Durante estes primeiros días tiveron lugar, trala inauguración co alumnado da Aula Folque Infantil e os contacontos de Pavís Pavós, o obradoiro en aberto “O Trenciño Rebuldeiro” de Patas de Peixe ao longo de 4 tardes, “A cidade de Cenoiro” de Galileo Nenos, o exitoso festival de títeres en bicicleta “A Titiricleta do titiricleteiro” do Carballo con Botas e “Burro-Máquina” de Fantoches Baj con dúas sesión de cada un deles. A homenaxe ao circo, da man de Tanxarina con “Titiricircus” congregou nas Tardes na Sala numerosísimo público nos seus dous pases en aberto para público familiar e igualmente o fixeron as presentacións- obradoiros de Galaxia Tales e “A debuxar con Marcopola” de Jacobo Fernández, creador de “Marcopola. A illa remeira” editado por Xerais.

Iniciando a fin de semana inaugurouse o venres ás 20:00 horas na Sala Sargadelos a exposición “Espérame, se é que te vas primeiro” de Cristina Durán e Borxa Guerrero Parapar. Ao longo desta fin de semana permaneceron mañá e tarde “Garabato de Xogos” (xogos tradicionais e de habilidades feitos con material de refugallo) e os contos personalizados de MeuBook, e se realizaron 3 sesións de ”Viaxe a Dadá” para bebés de 0 a 3 anos que esgotaron o seu aforo. “Polo correo do vento” impartíu 4 sesións de contacontos e obradoiros onde os nenos/as inventaron e debuxaron personaxes e contos. Pero sen dúbida, a actividade estrela durante estes días foi “A nena e o grilo nun barquiño” que tras ofrecer o venres unha breve presentación do libro-disco que inspirou este espectáculo, esgotou todas as localidades na súa representación de onte ás 18:30. Un espectáculo que bateu os récords de asistencia a unha función non concertada con público escolar, nunha xornada que tamén alcanzou cifras de participación (1.500 persoas) nunca vistas ao longo destas 14 edicións.

Mañá,  luns 12, asistiremos ás 17:30 horas ao obradoiro “Tromponetas e ferramentas” recomendado a partir de 7 anos e baseado con conto “Seis Barbudos” e ao rematar, ás 19:00 a unha nova entrega do festival de títeres en tricicleta  “A titiricleta do titiricleteiro” e “O Carballo con Botas”.

E con esta nova semana se inician ás funcións de teatro concertadas con centros escolares que contarán tamén cun pase para público en xeral. Serán o día 13 “O Soldadiño de Chumbo” de Baobab teatro ás 10:00 e ás 12:00 para centros escolares, con pase ás 18:30 horas para familias, recomendado a partir de 4 anos (3€), e o venres 15 “20.000 leguas de viaje submarino” de Rayuela Producciones, cun pase concertado ás 11:30horas e outro en aberto ás 18:30 horas (3€), recomendado a partir de 7 anos.

 

 

Agradecemos a súa difusión,                                             

Departamento de Prensa do Salón do Libro.