Desde que se me encomendou o papel de eloxiar os moitos méritos literarios e humanos de Xabier P. Docampo, son eu quen me gabo do privilexio de tal encomenda, pois foi como pedirme que desvele, a estas alturas, a influencia que o sol exerce no crecemento das rosas.
Dunha volta, Xabier, escribiches de min: “A voz exacta, o son limpo, o ton morno do cariño...”
Xa me gustaría dispor desa voz exacta para loarte e pregoar aquí hoxe –por se alguén aínda non o soubese— que o pobo e quizais os deuses te escolleron a ti como xefe da tribo para transmitir as súas historias, investíndote desa autoridade que só os elixidos posúen. Ti, que sabes que contar un conto é un acto de amor, elevaches a narración oral á categoría máis alta: a literatura, a arte.
Voz exacta, a túa, que —sen perderes o alento galego e comprometido cos nenos, co ensino, coa lingua, coa literatura, co país...— dominas as palabras de construír o universo.
Imaxínote diante de nenos, de adultos, de mineiros, de ministros... atrapados no mesmísimo Polo Norte, narrándolles unha historia que os vai quecendo a todos: voz e palabra fundidas nunha apaixonada aperta, sen borrares a memoria da infancia —porque sabes que lembrar é vivir—, baleirándote con sabedoría nos interrogantes máis que nas respostas.
Acórdaste de cando viñeras onda os nenos de Moraña? Uns xa abriran noces coa túa chave, outros pousaran a mirada nunha Nena de Auga e nun Príncipe de Lume que namoraran, outros quedaran atrapados no armario Novo de Rubén... Agardábante con expectación: verían por primeira vez ao autor daquelas historias que os engaiolaran; e despedírante cal mago, se non de Oz, si, da Terra Cha, porque os trataches coma seres intelixentes; leváchelos mar a dentro ata que non divisaron terra; fixéchelos pensar e sentir os latexos do seu propio corazón sen precisaren poñer a man no peito.
E lembras a última vez que estiveches no meu instituto? Viñan de pelexar contra a noite, permaneceran cos ollos abertos para que o luar aliviase a escuridade do seu cuarto e escorrentase os medos daqueles petos na porta. Vas ti e cóntaslles unha historia absolutamente deliciosa; sen alzares a voz, coma quen segue un río a pé, e provocaches ese silencio tépedo de quen move, conmove, provoca e sorprende, no que cada quen atopou anacos de si mesmo. Ese momento que saborean os amantes coa mirada enriquecida, artisticamente alimentada, e eu crebei a maxia con aplausos efusivos pero innecesarios, coma quen interrompe un concerto de cámara. Ti encheras aquel sonoro silencio de bolboretas azuis e eu espanteinas torpemente...
Fuches ese Ramón de Lamas —capaz de espiar os corazóns humanos— de quen escribiches: “Pero o que máis me emocionaba era o seu estilo de falar pronunciando cada palabra coma quen deita bicos no rostro dun ser amado, coma quen vai ceibando desde o fondo da alma os sons gardados entre panos perfumados, coma quen rompe o silencio coma se fose un velo delicado e suave que está aí convidando a ser rasgado”.
Ben sei, coñecedor da verdade da beleza, que a única inmortalidade que pretendes é a de permanecer no corazón dos amigos, como os amigos habitan xa no teu.
Por iso, Xabier, non falo dos premios, nin das listas internacionais de honra, nin de cursos impartidos, nin de que revolucionaches a escola (imaxínote nos anos 70, coma un capitán de barco, dicíndolles aos rapaces: Veña, pechade o texto que imos recompoñer xuntos, coma un novo caderno de bitácora, as páxinas que lle faltan a este libro de Stevenson).
Non falo das conferencias que polo mundo impartes, nin da Revista Internacional de Arte e Literatura que puxeches a andar, nin de ti como primeiro Presidente de GALIX, nin do teu programa de radio, nin da túa vinculación co cine, co teatro..., nin das colaboracións xornalísticas...
Pola túa maneira de ser, polas Teresas “costureiras”, e “cantareiras,” que tivemos en común, polas túas lecturas, por esa túa voz rouca que sabe remover capacidades íntimas da alma e fai ferver o ánimo; porque convidas a que nos deitemos suavemente na herba para lerte, para escoitarte... GRAZAS!
“O son limpo”, dicíasme tamén...
Para son limpo e prolongado o do reloxo que en 1986 instalaran no campanario da igrexa de Eiranova, que de maneira inexplicable comezou a dar trece badaladas ás doce da noite e fixo emerxer do fondo do inverno da nosa lingua esa literatura que tamén gusta aos rapaces.
Cantas nais e cantos pais leron canda os seus fillos un libro en galego por primeira vez ao son daquelas badaladas!
Por certo, Xabier, falabas tamén do “ton morno do cariño”...
Eu, que presumo de que sobrevoei contigo o océano ata Caracas (onde a casa dos teus foi a miña casa), ou de ter feito canda ti un dos camiños que levan a Compostela (o de “canda ti” é un dicir, porque ti e mailo Paco Martín corriades diante coma raios e logo, condenados!, aínda vos chufabades asegurando que estabades fartos de agardar por nós para xantar:
“Que se a capela que viñamos de visitar, aínda andaba en construción cando pasarades vós, que se o vello que saudaramos de camiño, aínda era un neno de teta...” E o caso é que, malia todo, pelexabamos por sentar ao voso carón para escoitarvos e lamentármonos logo con aquilo de “mágoa non ter unha gravadora!
Hoxe pídoche, pola liberdade que me confire o considerarme amiga túa e de María Xesús —de quen escribiches: “Ese aire, alento. Caricia, mao suave... Poema que me le. Verso derradeiro. Voz que escoito máis perto... A miña casa”, Bonito, eh!!—; hoxe pídoche, insisto, que me permitas contar unha intimidade...
Saiban vostedes que cando a meirande parte dos autores galegos andabamos retirándolle o permiso de seguir publicándonos a certa editorial —non pagaban, practicaban a picaresca de non cambiaren o número de impresións dun libro malia estaren fartos de vender exemplares...; Xabier foi dos poucos —senón o único— que seguiu sempre agradecido a quen fora o seu primeiro editor. Esa é a súa maneira de estar.
Non lle preocupa tanto publicar como lle apaixona ler. Talvez por iso, Xabier, igual que o seu curmán Tomás, sabe contar libros coma se fosen películas e ten poderes para converter en realidade todo o que a súa imaxinación argalla. “Eh, logo iso non pasou de verdade?”, sorprendémonos acotío.
Da precisión con que sitúa no espazo e no tempo as súas personaxes dá fe o seu blog persoal. Precisamente nel resume Xabier, con enxeño, unha vida dedicada en boa parte ao ensino:
“Polo camiño houbo de todo, até cheguei a papar un planeta —di—. Cando entrei na escola había nove, agora que me vou xa non quedan máis que oito”.
Tamén di, referíndose ao tempo do que dispón en diante: “...poderei agasallarllo con alegría aos meus amigos, poderei mostrarme xeneroso con aqueles que precisen do meu tempo”. Cónstame, ademais, que sempre abriu portas a outros que comezamos o camiño na escrita despois del.
GRAZAS, Xabier.
É o mundo dos afectos o que o move a ler, a escribir, a comprometerse, a compartir... Abonda con lermos “Catro cartas”, esas marabillosas declaracións de amor, para comprendelo.
O salón do Libro de Pontevedra réndeche unha merecida homenaxe a ti e ao mar... Pero como o mar —desde dentro— méteche medo; daquela, por cho arrincar un chisco (ben sei que che dá máis medo non terlle medo a nada), só se me ocorre lanzarche “improperios” nesta travesía de hoxe, cun sentir semellante ao de Monchiño, o neno da Lingua das bolboretas, cando llos botou ao seu querido mestre: Navegante explorador! Mariñeiro de historias! Mariscador de palabras! Polisón de lecturas! Pirata da imaxinación! Pescador de soños! Náufrago fecundo! Cidade asolagada de amigos! Gamela das bolboretas! Capitán de retranca intelixente! Ruta das marabillas! Veleiro sedutor! Galeón das descubertas! Acoirazado de buxo! Refuxio da memoria! Simbad insubmiso! Neptuno da fantasía! Ronsel de escuma branca! Onda favorable aos espellos! Illa do tesouro! Tesouro! Cofre de auga de mar! Mar! Nunca máis!!
Xabier, amigo meu, desexo que sigas oíndo o canto do cuco por moitos anos, que nos fales de nostalxias das luces que derrama o mar, das correntes mariñas: das interiores que semellan sorrisos de nenos e desoutros rostros de inverno que buscan un cuarto solitario..., para que os que te lemos sintamos de cando en vez esa felicidade efémera —a única verdadeira— que sente a Muller das Pombas que nos regalaches.
Que saibas que te quero.
GRAZAS por tanto.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra