Animación en stop-motion, arte e experimentación científica, nos obradoiros para docentes do XVI Salón do Libro

Animación en stop-motion, arte e experimentación científica, nos obradoiros para docentes do XVI Salón do Libro

luns, 02 de Febreiro de 2015

‘Animamos a lectura’, ‘Ciencia nos contos’ e ‘Arte e ciencia’ compoñen a oferta dos seminarios homologados, que se impartirán do 23 ao 27 de marzo

                                                       

PONTEVEDRA, 2 de febreiro de 2015.-  O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recupera este ano os seus obradoiros exclusivos para docentes coas propostas ‘Animamos a lectura’, ‘Ciencia nos contos’ e ‘Arte e ciencia: unha relación bidireccional’, que terán lugar na derradeira semana da cita coa lectura, do 23 ao 27 de marzo, coa colaboración do Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, Cefore. Todos os cursos teñen unha duración de dez horas.

O director de animación Ze Carlos Pinto, de OQO Filmes, estará a cargo do obradoiro ‘Animamos a lectura’, que ten un aforo máximo de vinte docentes de Educación Infantil e Primaria e que está pensado para achegar aos profesionais da ensinanza os coñecementos necesarios para a creación dunha curtametraxe en stop-motion. O seminario será útil para a iniciación á animación da lectura a través do medio audiovisual que levará ao desenvolvemento de un mini-proxecto, dende a idea inicial ata a posprodución pasando pola creación dos personaxes e os escenarios.

A delegación de Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a editora pontevedresa OQO, a través de Luisa Martínez e Eva Mejuto, respectivamente, están detrás do obradoiro ‘Ciencia nos contos’, no que os docentes participarán en actividades experimentais sinxelas que lles servirán para achegar a ciencia ao alumnado e sempre dende unha perspectiva crítica. No curso, con 30 prazas, traballarase con contos de tradición oral á vez que se ofrecen aplicacións científicas que axudarán aos rapaces a entender os fenómenos que teñen lugar na vida diaria.

Pola súa banda, a química e divulgadora científica Deborah García Bello encargarase do obradoiro ‘Arte e ciencia: unha relación bidireccional’, que ofrece 25 prazas e no que fará un percorrido pola Historia da Arte e a súa relación cos diferentes avances científicos. Centrándose nos seus coñecementos químicos, García Bello abordará a autores recoñecidos como Malevic, Mondrian, Klein, Juan Muñoz e Chema Madoz, entre outros. Así, os/as asistentes poderán coñecer o segredo da perdurabilidade das primeiras obras de arte e os distintos tipos de pintura utilizados ao longo do tempo, como o carbón, o aceite de liñaza ou a clara de ovo, así como a innovación aportada por artistas como Klein, que, a través dun grupo de farmacéuticos, creou o coñecido como ‘azul de Kelin’, logrado cun aglutinante que confería á pintura un aspecto de pigmento puro.

Os docentes de Educación Infantil e Primaria interesados en inscribirse nos obradoiros deben facelo a través da plataforma instalada na web do Cefore.

O prazo remata cando se cubran todas a prazas dispoñibles.