Chévere recupera o exitoso ‘Circo atómico das irmáns Faynman’ para o Salón do Libro de Pontevedra

Chévere recupera o exitoso ‘Circo atómico das irmáns Faynman’ para o Salón do Libro de Pontevedra

venres, 06 de Febreiro de 2015

A compañía de teatro Chévere recuperará especialmente para a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o espectáculo ‘Alá no fondo hai sitio abondo. O circo atómico das irmáns Faynman’, dirixida por Xesús Ron.

Chévere decidíu incorporar esta exitosa peza á programación da cita cultural da cidade do Lérez, que este ano leva por título ‘Da ciencia á ficción’ e que entre as súas propostas inclúe oferta teatral para alumnado de Educación Infantil e Primaria, así como para o público familiar en xeral.

 ‘O circo atómico das irmáns Faynman’ estreouse no ano 2007 na Casa das Ciencias da Coruña e estivo dous anos de xira por toda España, pensada como unha produción perfecta para representar en museos. A compañía galega achega dun xeito ameno os diferentes conceptos da nanotecnoloxía aos rapaces a través de tres actrices: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Mónica García.

“Parece un tema complicado, pero o espectáculo céntrase en intentar dar a entender as diferentes escalas dende o metro ata a mundo nano pasando pola milímetro ou a micra. As personaxes da peza fan incidencia en cada medida para que os nenos o entendan sen ningún tipo de problema. De feito, en todas as representacións, de preto dunha hora de duración, tivo moi boa acollidada”, explica a actriz Patricia de Lorenzo, que da vida a unha das irmáns Faynman.

O 5 de marzo, haberá sobre o escenario pulgas, terán lugar fenómenos de feira, maxia e teatro de variedades cunha linguaxe apta para o público infantil.

Chévere recibíu en 2014 o Premio Nacional de Teatro, o maior recoñecemento a nivel nacional do sector. A este respecto, Patricia de Lorenzo recoñece que o galardón “supuxo unha satisfacción para nós, ao ver que os profesionais premiaban o empeño dunha compañía que traballa co afán de estar en contacto coa sociedade coa que vive, que ten un nivel de esixencia interno que non baixa nunca a garda”. “Procuramos traballar dende a honestidade. O teatro é a nosa vida”, asegura a intérprete, que tamén realiza as labores de dirección nalgunhas das obras de Chévere.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2015 celebrarase entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra.