CICLO OS AUTORES E AS CIDADES: Xurxo Souto amosa a apertura ao mundo das ‘cidades-barco’

CICLO OS AUTORES E AS CIDADES: Xurxo Souto amosa a apertura ao mundo das ‘cidades-barco’

martes, 09 de Febreiro de 2010

O polifacético escritor impartiu no Café Moderno de Pontevedra unha conferencia dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

‘Apertura coruñenta, manifesto das cidades-barco’ é o título da primeira das conferencias do ciclo "Os autores e as cidades" que o XI SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA ten na súa programación deste ano. Xurxo Souto expuxo a súa visión das cidades barco ante os asistentes ao Café Moderno, no serán do luns, 8 de febreiro.

A súa foi unha intervención chea de anécdotas, de anacos da historia de Galicia e, particularmente, de A Coruña. Souto falou de cidades-barco, de cidades abertas ao mar e ao océano, que non rematan nunca, como pode pasar con A Coruña, con Pontevedra, con Barcelona ou con Lisboa. “Nestas cidades hai xente, os mariñeiros, que ollando ao infinito azul logran ver leiras vizosas e fecundas ou camiños ao Gran Sol e a Irlanda, que os demais non logramos ver”, explica.

Para o escritor a historia de Galicia sempre foi mal contada, porque sempre chega dende Castela, cando debería ser dende as illas do norte. “Na Coruña, a historia ven por ese río de auga: por el chegaron os vikingos, os cruzados ingleses e tamén a guerra do mar entre España e Inglaterra”, recorda.

Souto tamén fixo un repaso das oportunidades que el tivo de explicar a súa visión da cidade de A Coruña a través de diferentes proxectos, como o foron o mundo da música e da literatura. O primeiro deles foi a súa experiencia no grupo Os Diplomáticos de Monte Alto, no que sempre quixeron reivindicar de que cidade eran e, máis concretamente, do barrio do que proviñan. Defenderon con este grupo o galego e tamén tentaron concentrar nel todas e cada unha das influencias que tiñan os seus integrantes, dende o pop, o heavy ou o rock ata a música tropical.