Clausura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Clausura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

venres, 13 de Xaneiro de 2006

12.00 Espectáculo musical CANCIONES PARA EL BOLSILLO Luis Pescetti No Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Prezo 1,50 euros. Público familiar a partir de 4 anos.

NOTA: Luis Pescetti xa está en Pontevedra e dispoñible desde esta tarde para entrevistas. Tamén sería posible facelo mañá, ata aproximadamente unha hora antes do espectáculo desde as 9 da mañá.

Luis Pescetti naceu en San Jorge, provincia de Santa Fe, Arxentina, en 1958. En Bos Aires slicenciouse en Musicoterapeuta (Diploma de Honor) en 1979. Realizou estudios de piano, canto, pedagoxía musical, harmonía e composición. Traballou como Musicoterapeuta en rehabilitación de mulleres operadas de mama e con pacientes psiquiátricos, nenos e adultos. Foi profesor de música en preescolar, escolas primarias, secundarias e Universidades. Dirixíu centros culturais en Bos Aires. Traballou para a Secretaría de Cultura da Nación (Plan Nacional de Lectura), durante tres anos, dando charlas, seminarios e obradoiros sobre creatividade e animación musical por todo o país. Deu un curso de "Humor na narrativa" na Facultade de Filoloxía da Universitat de Valencia. Como compositor de cancións infantís ten varios discos: “El vampiro negro”, “Cassette pirata” e “Bocasucia”, ademáis de dúas antoloxías. Desde 1997 canta no programa Bizbirije, Canal 11 (México). Desde 1994 conduce un programa de radio de humor e música para nenos, Premio Musa de la radio ó mellor programa infantil (México, 2000), Radio Unam. É membro fundador do Movimiento de la Canción Infantil Latinoamericana y del Caribe (1994). Como comediante para adultos e nenos actou en teatros, radio e televisión de Arxentina, Cuba, México, Estados Unidos, Chile, Brasil, Colombia e España. É salientable a súa participación no Festival Internacional Cervantino (México), e a tempada infantil 2001 do Teatro Gral. San Martín, Arxentina.

É autor de varios libros de humor para nenos como (entre outros) Natacha (Alfaguara) un libro de humor e filosofía (hai tradución ó catalán), e Caperucita tal como se la contaron a Jorge (Alfaguara), que obtivo o Premio Nacional Cuadro de Honor de la Literatura Infantil, Arxentina, o Premio ALIJA ó mellor libro, e o premio "The White Ravens 1998" (Internationale Jugendbibliothek, Alemania). Na mesma liña, de humor e filosofía, é autor de Historia de los señores Moc y Poc, Ed. Sudamericana. Preparou La Mona Risa, unha antoloxía de humor na narrativa (Alfaguara/España). En 1997 acadou o Premio Casa de las Américas, Cuba, coa súa novela El ciudadano de mis zapatos. Coa súa novela infantil Frin gañou o Premio Fantasía (Argentina, 2000); considerado entre os mellores libros infantís e xuvenís en español, figurou na Lista de Honor da revista Cuatrogatos (EEUU, 2001), e tamén recibíu o premio "The White Ravens 2001" (Internationale Jugendbibliothek, Alemania). "Libros del Rincón" da Secretaría de Educación Pública (México), publicou o seu "Taller de animación musical y juegos", en catro edicións que suman máis de 200.000 exemplares. Tamén escribíu humor para adultos: Qué fácil es estar en pareja. En co-autoría con Rudy escribíu La vida y otros síntomas; e con Jorge Maronna, Copyright. Como autor está presente en Arxentina, España, Cuba, Colombia, México, Venezuela, Estados Unidos, Bolivia, Perú, Chile, Ecuador e Paraguai. Ten sido convidado a Feiras de Libros en México, Chile, Brasil e Arxentina. Varios dos seus textos foron levados ó teatro. Foi convidado a formar parte do xurado do Premio Casa de las Américas 2002 (Cuba), para Literatura Infantil e Xuvenil.

13.00 CLAUSURA No salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra. Homenaxe a María Victoria Moreno, por Xosé Antón Neira Cruz (escritor, editor da Revista Fadamorgana –especializada en literatura infantil e xuvenil- e profesor na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela). Orquestra de Cámara Lira. Intervención de membros da Organización do Salón. Intervención de María Xesús López Escudeiro (concelleira de cultura de Pontevedra). Intervención de Luís Bará Torres (director xeral de creación e difusión cultural da Xunta de Galicia).

NOTAS: Os espazos expositivos do Salón seguirán abertos ó público ata o vindeiro 3 de marzo no seguinte horario: Martes a Venres, 18.00-21.00 Sábados, 11.00-14.00 e 18.00-21.00 Domingos e Festivos: 11.00-14.00 Luns pechado.

As visitas concertadas de escolares (en horario de mañá, con participación en obradoiros e contacontos) sucederánse a cotío ata o vindeiro venres 17 de febreiro