Comeza unha semana de estreas exclusivas no Salón do Libro

Comeza unha semana de estreas exclusivas no Salón do Libro

domingo, 15 de Marzo de 2015

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra prepárase estes días para acoller tres estreas, dúas delas creadas en exclusiva para a XVI edición da cita coa lectura, que este ano leva por título ‘Da ciencia á ficción’.

A primeira delas terá lugar mañá luns (18:00 horas) e chega da man do coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. Dirixido por Nanette Sánchez, o coro interpretará temas arredor da música e a natureza, en consonancia coa temática deste ano do Salón do Libro. Pensado para o público familiar, o concerto é de entrada libre ata completar a cabida do Salón de Actos do Pazo da Cultura (preto de 300 prazas).

A compañía de teatro pontevedresa Baobab estreará o martes a súa nova obra: ‘Luppo’, que tamén porá en escena o mércores e o xoves. Todas as funcións terán lugar no Auditorio do Pazo da Cultura (aforo de 752 persoas) ás 18:30 horas e as entradas, a 3 euros, pódense adquirir no mesmo Pazo dende unha hora antes de que comece cada unha delas.

Segundo explica Andrea Bayer, de Baobab Teatro, a idea de ‘Luppo’ rondáballe pola cabeza dende hai “moito tempo”. “Luppo era un veciño meu, a partir del, e deixando que a imaxinacións se disparase, xurdiu esta obra, que fala das relacións dos nenos cos maiores e do ciclo da vida en xeral”, asegura.

En ‘Luppo’ a música ten un papel moi importante e maniféstase en varios estilos, como a ópera ou a música popular, especialmente a galega. Ademais, a posta en escea non pode ser máis orixinal, xa que todos os personaxes, oito en total, están feitos con cartón.

Xa o venres, a Orquestra de Cámara Lira, acompañada de bailaríns da Escola de Baile Déborah, interpretarán ‘A miña estrela’, un concerto con danza creado en exclusiva para o Salón do Libro. Será no Auditorio do Pazo da Cultura ás 18:30 horas e as entradas son a 3 euros, á venda dende unha hora antes de que comece o espectáculo.

 

Conferencia de Ángel Carracedo

Respecto á programación pensada para o público adulto, o catedrático de medicina legal e forense Ángel Carracedo, recoñecido a nivel mundial, ofrecerá mañá luns (19:30 horas) unha interesante charla no Salón do Libro Infantil e Xuvenil baixo o título ‘ADN forense: un presente que parece ficción’. A conferencia desenvolverase no Salón de Actos do Pazo da Cultura e ten entrada libre ata completar cabida.