CONFÍRMASE O ÉXITO DE ASISTENCIA NA SEGUNDA XORNADA DO 11º SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

CONFÍRMASE O ÉXITO DE ASISTENCIA NA SEGUNDA XORNADA DO 11º SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

mércores, 10 de Febreiro de 2010

Galitoon despídese superando as cifras do seu aforo na estrea

A segunda xornada do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2010, vén confirmar a aceptación do público pontevedrés que acadou 1.831 asistentes neste martes.

Destaca o gran éxito da obra “Rosalía, a pulga que escribía”, que tivo 863 espectadores nas funcións matinais concertadas cos colexios e 182 máis durante a sesión aberta a todos os públicos. Tamén teñen boa acollida as visitas organizadas ao Salón e os roteiros urbanos, que nesta xornada estreaban os “Nenos, policías por un día”. Estas actividades matinais acolleron 536 nenos e nenas dos centros escolares participantes no Salón do Libro.

“O carballo con botas”, contacontos de Papaventos que ata mañá ameniza as tardes da Sala, tivo 250 asistentes durante a tarde que logo puideron apreciar as obras inspiradas na temática da cidade que se exhiben no Pazo da Cultura.

O horario de apertura a todos os públicos durante a semana lectiva no Pazo da Cultura é de martes a venres, de 17 a 21 horas, excepto os luns, que estará pechado; abre os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas; os domingos e festivos, de 11 a 14 horas.

As instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra permanecerán abertas ata o domingo, 14 de marzo e contan cun espazo ambientado polo alumnado da Facultade de Belas Artes, exposicións de traballos escolares e ambientación xeral do Pazo da Cultura pola escola de tempo libre Paspallás. Tamén haberá exposicións sobre a homenaxe a Agustín Fernández Paz e O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. do Campo.