Contacontos nas librerías e unha mostra na Biblioteca Pública preparan a Pontevedra para a inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Contacontos nas librerías e unha mostra na Biblioteca Pública preparan a Pontevedra para a inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

martes, 17 de Febreiro de 2015

A oferta de contacontos ‘Merendando contos’ nas librerías de Pontevedra adiantará este xoves a apertura da XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil –que se inaugurará oficialmente o vindeiro 27 de febreiro­– con seis sesións que terán lugar noutros tantos establecementos da cidade. Ademais, a Biblioteca Pública ‘Antonio Odriozola’ únese este ano aos colaboradores da cita cultural cunha exposición de ilustracións do álbum ‘Maruxa’, de OQO Editora.

‘Merendando contos. Contacontos nas librerías’ contará coas librerías Paz, Seijas, D-lectum, Cronopios, Aviones de Papel e Nobel, o que supón que se dobra o número de participantes nesta iniciativa respecto a anos anteriores, ao pasar de tres a seis.

Todas as sesións terán lugar ás 18 horas e desenvolveranse entre o 19 e o 26 de febreiro. A Librería Paz acollerá o xoves a primeira delas coa pontevedresa Andrea Bayer, de Baobab Teatro, que ofrecerá ‘Contos para Lúa’, no que o satélite terrestre será o protagonista.

O venres 20 Paul do Canizo achegarase ata a Librería Seijas e o luns 23 ata D-lectum cos ‘Contos da montaña (rusa)’, un espectáculo concebido como unha viaxe nunha atracción de feira con paradas en varios países.

Brais das Ortas, de Tropa de Trapo, estará en Cronopios o martes 24 con ‘Dalle voltas, Da Vinci!’, un contacontos baseado no intre no que Leonardo da Vinci se enfrontou ao dilema do movemento perpetuo.

Tropa de Trapo, con Marta Ortiz, tamén estará na Librería Aviones de Papel, o mércores 25, coa historia ‘Lila e as cores’, unha rapaza que só ten un soño na vida: ser científica.

Raquel Queizás, unha das narradoras de referencia do panorama escénico galego, porá fin a esta edición de ‘Merendando contos’ con ‘Entre planetas’, na Librería Nobel, o xoves 26, día previo á inauguración do Salón do Libro, cunha viaxe fascinante na que se  percorrerán diferentes puntos do Universo.

 

Mafalda Milhões na Biblioteca Pública

Pola súa banda, o 25 de febreiro ás 19 horas abrirase ao público unha mostra de ilustracións da portuguesa Mafalda Milhões na Biblioteca Pública ‘Antonio Odriozola’, unha entidade que regresa oficialmente este ano como colaboradora á programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A exposición amosará ata o 28 de marzo as creacións de Milhões para o álbum ilustrado ‘Maruxa’, de OQO Editora.

“En realidade, nunca deixamos de colaborar co Salón do Libro, xa que para nós é moi importante estar presentes en todos os eventos culturais deste tipo que teñen lugar en Pontevedra”, asegura Pilar Fernández, directora da Biblioteca Pública.

Fernández lembra que durante todos estes anos sempre fixeron algunha alusión á cita coa lectura no ‘centro de interese’ da sala infantil da biblioteca, un punto expositivo que “cada ano se adapta á temática do Salón”.

“As ilustracións son unha marabilla e vanse ver moi ben. Coma sempre, a exposición habilitarase no ‘hall”, remata.