Cuba e os clásicos da literatura do mar, protagonistas do Salón. Mañá xoves, nova xeira do ciclo audiovisual no Teatro Principal

Cuba e os clásicos da literatura do mar, protagonistas do Salón. Mañá xoves, nova xeira do ciclo audiovisual no Teatro Principal

mércores, 30 de Xaneiro de 2008

As ponentes cubanas Susana Haug, profesora da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana e creadora de contos e libros para os máis pequenos, e María Elena Cicard, deseñadora e editora, especialista principal da área de deseño e directora artística da Editorial Gente Nueva, do Instituto Cubano do Libro, ofreceron aos asistentes ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra unha presentación das producións máis recentes dos escritores e ilustradores cubanos en relación á literatura infantil e xuvenil. A súa conferencia, unha das máis esperadas da programación correspondente á novena edición deste encontro coas letras, ofreceu ao público galego unha magnífica oportunidade para descubrir as mostras literarias e artísticas da illa creadas para os pequenos e que son menos coñecidas para o público desta beira do Atlántico. A súa presenza súmase á exposición de ilustradores cubanos que se pode visitar na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura ata o vindeiro 16 de marzo.

Esa mostra cubana, entre as quince que conforman o Salón, foi unha das que percorreu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa visita deste mediodía ao Salón do Libro, e na que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Lola Dopico, e a coordinadora do Salón, Helena Torres. Mañá xoves, ás 12.00 horas, recibiremos á delegada provincial da Consellería de Cultura, María Xesús López Escudeiro.

Cómpre salientar a xuntanza que mantivo a directora da Bedeteca de Lisboa, Rosa Barreto, con representantes da Mesa pola Banda que promove a Consellería de Cultura. Nesta reunión, de carácter informal e destinada fundamentalmente a intercambio de experiencias, participaron a delegada provincial de Cultura, representantes de colectivos como BD Banda, das Xornadas de Ponte Vedra, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, das bibliotecas municipais da Coruña e das libreirías con sección de banda deseñada. A institución portuguesa que dirixe Barreto promove a difusión da banda deseñada como ferramenta pedagóxica para o seu emprego na educación.

A programación deste mércores no Salón do Libro, no ecuador, xa da semana na que se concentran as actividades abertas ao público, estivo marcada pola presenza do cómico Quico Cadaval, na segunda xeira do ciclo de monólogos do pub La Cabaña, a presentación do número 12 da Revista Fadamorgana e as representacións de dous clásicos da literatura do mar levados á escena teatral. La isla del tesoro e El viejo y el mar, programáronse para escolares no Pazo da Cultura e no Teatro Principal, outro recinto ao que estenden as actividades do Salón. É o caso, asemade, do ciclo audiovisual que se programa por primeira vez no Salón. Deste xeito, mañá teremos oportunidade de asistir a unha mesa redonda cos actores e o director do filme galego A mariñeira. Será ás 19.30 horas como anticipo da proxeción da cinta.

XOVES, 31 XANEIRO

VISITA DA DELEGADA PROVINCIAL DE CULTURA

María Xesús López Escudeiro visitará o Salón ás 12.00 horas. Sala de Exposicións do Pazo da Cultura. Visita aberta aos medios de comunicación.

ACTIVIDADES PARA COLEXIOS (pola mañá, concertadas cos centros)

Obradoiros de poesía, ilustración, música, medio ambiente, curtas con móbil e danza.

Contos con Pavís-Pavós, Raquel, Andrea Bayer e Galitoon.

10.30 h, teatro La isla del tesoro, de La Carreta Teatro. (Función para escolares con visita concertada)

La Carreta Teatro é un grupo orixinario de Elxe, localidade na que centra boa parte da súa actividade e na que fundou a primeira sala de teatro infantil privada, creando unha programación regular para escolares, así como un proxeto de produción estable, que asegura a continuidade da calidade dos espectáculos. La Isla del Tesoro é unha obra baseada na novela de R.L. Stevenson na que se tratan temas como o coñecemento próximo da vida e a morte, o valor da amizade, da lealdade e a honestidade, fronte ao egoísmo e a mesquindade. Trátase dun espectáculo cunha forte compoñente musical, arroupado polo ritmo dos monicreques e a interpretación de actores que comparten xogo e fantasía nun mesmo espazo escénico e unha escenografía non realista, que propón e suxire deixando ao espectador espazo para imaxinar.

11.00 h, Teatro Principal El viejo y el mar, con Embocadura & Arbolé. (Función para escolares con visita concertada)

En abril de 1979 saen por primeira vez a escena os monicreques desta compañía aragonesa. Desde entón, teñen realizado máis de 7.000 representacións de 50 producións, visitando Aragón e todo o territorio nacional, América Latina, Europa, Asia e o deserto Saharauí.

El viejo y el mar é unha versión libre de Mariano Anós para teatro do libro de Ernest Hemingway, producida por Embocadura e Teatro Arbolé. Trátase dunha adaptación na que prima o texto e a reflexión; escrito en verso para os monólogos do vello Santiago, toda a obra convértese nun belo poema de loita pola vida. Interpretada por Pedro Rebollo (Santiago) e Javier Aranda (Manolín), combina o traballo de actor co teatro de obxectos para dar vida á atmosfera do mar e a tódalas criaturas que rodean a aventura do vello. Estes dous actores encarnan unha historia na que tamén está presente o medo ao fracaso, o dereito que ten todo ser humano á súa dignidade, a sentirse parte importante do mundo mentres lle quede un pouco de esperanza e de orgullo, pese a que outros o vexan como un perdedor.

OBRADOIROS PARA ADULTOS (pola tarde, previa inscrición)

Literatura, Pescando letras con Luisa Campuzano, animación á lectura con Rodorín, danza con Mercedes Prieto e ilustración con Gabriela Rubio.

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO

17.00 h, obradoiro de graffiti con Ras. Entrada libre, prazas limitadas.

Ras é o alcume de Alexis Parada (A Coruña, 1982). Desde hai varios anos reside en Pontevedra, onde cursa estudos na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo ao tempo que participa en encontros de arte urbana e realiza deseños para organismos públicos e privados. O seu obradoiro contará cunha parte teórica que pretende achegar ao espectador á historia do graffiti desde una perspectiva mundial, europea, española e galega. E cunha vertente práctica para familiarizar aos alumnos coas técnicas e recursos comúns do escritor para realizar as súas obras. Para finalizar, tódolos participantes confeccionarán un mural conxunto.

17.30 h, obradoiro de animación con plastilina. Con Coke Riobóo. Entrada libre, prazas limitadas.

Coke Riobóo ten dedicado a maior parte da súa vida á realización de guións, dirección e creación de filmes de animación. Cómpre salientar o seu último traballo El viaje de Said, premio Goya de animación en 2007. Este recoñecemento non debe, sen embargo, ensombrecer o seu traballo anterior, xa que Coke Riobóo leva traballando neste campo desde o 2001, cando presentou o seu corto de animación La Telespectadora. Tras deste inicio viu a serie Se abre el telón, un total de 26 episodios realizados para plus.es. Nese mesmo ano encargouse do videoclip de animación Que las noches sean son do grupo El Combo Linga. O seu traballo no cine non se limitou unicamente á dirección e creación plástica, senón que posúe ademais unha pequena colección de bandas sonoras de seu.

18.30 h, teatro. El ladrón de islas, de Bambalúa Teatro. Recomendado a partir de 8 anos. Entrada 2 euros.

Espectáculo baseado nun conto da escritora María Teresa León onde tres actores interpretan dez personaxes que xurden dos múltiples ambientes da obra, recreados a través dunha escenografía suxerente e unha evocadora iluminación. A acción constante, a animación de obxetos, a música, as coreografías, as sombras corporais e a dinámica do cine mudo reúnense para crear unha comedia chea de emoción, ilusión e sorpresas.

El ladrón de islas é unha viaxe desde a realidade cotiá da aula ata un universo imaxinario poboado de personaxes de conto. O protagonista entra nun mundo fantástico onde, a través da acción e a aventura, vivirá emocións e sentimentos coa pureza e intensidade dos contos. Pero só ao regreso, no mundo real, será onde atope o que con desmedida paixón buscou na súa fantasía: o amor.

Bambalúa Teatro naceu en Burgos hai dez anos coa intención de producir espectáculos para todos os públicos e en especial para o público máis novo creando obras divertidas á vez que didácticas. A súa liña de traballo vai desde o teatro de sala ata o teatro de rúa tentando que en todos eles o humor, a acción e a estética sexan a base das súas montaxes. Teñen actuado en varias das feiras e festivais máis importantes da península Ibérica como son FETEN, Teatralia, Ciudad Rodrigo, Leioa, Espartinas, etc.

18.30 h, Almadraba Editorial presenta os primeiros tres títulos en galego da Colección Kalafate de Lectura Fácil. No recanto da lectura, ao fondo da Sala de Exposicións.

A volta ao mundo en 80 días, Robinson Crusoe e A pantasma de Canterville son os tres primeiros títulos. Isabel Soto, adaptadora dos libros en galego, xuntamente con Eugenia Salvador, presidenta da Asociación Lectura Fácil, presentarán por primeira vez en Galicia a colección Kalafate, a lectura fácil e, os tres primeiros títulos en galego da colección Kalafate de Almadraba Editorial. Lectura fácil é todo material de lectura concibido e realizado con especial esmero para que poida ser lido e entendido por persoas con dificultades lectoras e/ou de comprensión, de carácter transitorio ou permanente. Os libros da Colección Kalafate foron revisados e homologados pola Asociación Lectura Fácil, a cal outorga o logotipo LF. Kalafate é unha colección de clásicos universais adaptados por profesores e escritores de prestixio. Seguindo os principios da Lectura Fácil en canto ao nivel lingüístico e á disposición tipográfica, Kalafate permite gozar da literatura sen dificultades e aproveitala coma fonte inesgotable de aprendizaxe, emoción, diversión e coñecemento.

19.00 h, presentación editorial de O libro das alquimias, de Xesús Constela, editado por Galaxia. No recanto da lectura, ao fondo da Sala de Exposicións.

Un rapaz que está a descubrir o mundo, como quen o constrúe con pezas dun mecano, encontra de pronto a presenza dun vello que vai deixando ao seu paso, sen decatarse, unha guedella de estrelas. Días despois sabe que ese ancián é o novo inquilino do baixo do seu edificio. A partir dese momento, a súa atención centrarase en coñecer as misteriosas actividades ás que o vello se dedica. Sen sabelo, está a abrir unha porta que ha cambiar a súa vida.

Xesús Constela (Ferrol, 1963) estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Salamanca, onde tamén participou en revistas de creación literaria. Actualmente dedícase ao ensino da lingua inglesa no Instituto de Poio, vila onde tamén reside. É colaborador habitual do suplemento "Nordesía" do Diario de Ferrol. Co libro de relatos As humanas proporcións gañou o Premio Torrente Ballester de 2003 da Deputación da Coruña. Unha ópera prima que é unha proposta arriscada, moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre. En 2007 publica, en Galaxia, a súa primeira novela, Libro das Alquimias, dentro da Colección Costa Oeste.

19.30 h, conferencia. Escribir o mar, con Rosa Aneiros.

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles http://culturagalega.org/">culturagalega.org (sección Agardando as lagarteiras), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega.

En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser (Editorial Sotelo Blanco) á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (Laviovento, 2002),Resistencia (Xerais, 2003), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Veu visitarme o mar (Xerais, 2004).

Conta no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico A última vaca.

19.30 h, Teatro Principal. Mesa redonda, Cine e literatura: un mundo de historias. Participan o realizador Antón Dobao, o escritor Darío Xohán Cabana, os actores Camila Bossa, Monti Castiñeiras e Morris e mailo produtor, Julio Casal. Modera: o escritor Alfonso Álvarez Cáccamo.

20.00 h, Teatro Principal. Proxeción, A mariñeira, dirixida por Antón Dobao (Diagonal TV / Ficción Producciones, S.L. / Televisión de Galicia (TVG).

A mariñeira é un filme baseado no relato homónimo de Darío Xohán Cabana A mariñeira de Quilmas. Argumento: María, Bandullo e a súa filla Rosa viven pracidamente en Quilmas, unha vila da costa galega. Na compaña dos seus amigos Patrocinio e Modesto agardan a súa segunda filla, Federica. O mar e a terra proporciónanlles o que precisan os seus corpos e a República, o Estatuto e os libros son o alimento para a súa alma, pero non imaxinaban o que en poucos días ocorrería.

En A mariñeira vemos a valentía dunha muller galega na Carnota da Guerra Civil, que fará fronte á opresión da época e as inxustizas sociais e de xénero que asolan a poboación.

22.30 h, pub La Cabaña. Noites na Cabaña con Uxío. Entrada libre.

Uxío é un home de mar, mariscador e profesor de vela tradicional. Os seus 47 anos, a maior parte deles traballando no mar, deixáronlle un amplo número de anécdotas que de vez en cando une para contar aos seus familiares, amigos ou a quen queira escoitalo. As súas intervencións como contador de historias baséanse sempre nas súas propias vivencias, contadas con moita improvisación e grandes doses de humor.