Domingos do Principal colabora co XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil representando a obra de Gorakada: “LA CIUDAD INVENTADA”

Domingos do Principal colabora co XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil representando a obra de Gorakada: “LA CIUDAD INVENTADA”

sábado, 06 de Febreiro de 2010

No marco de Domingos do Principal, obra de Gorakada chega tamén á primeira xornada do 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil co propósito de facer un espectáculo multicultural dirixido ao público infantil: “La Ciudad Inventada”.

En “La Ciudad Inventada” conviven varios contos tradicionais provenientes de distintos lugares do planeta, dando lugar a varios encontros orixinais que enriquecerán aos seus protagonistas. O obxectivo das marionetas que percorrerán o escenario é quitar aos nenos e nenas o medo que teñen a separarse dos seus pais e nais.

A historia comeza cando un neno senegalés coñece a unha nena brasileira que non pode durmir desde que o seu pai a abandonou. Os dous protagonistas, que vivían as súas aventuras en contos distintos, comparten as súas dúbidas e os seus medos, ao descubrir que teñen máis en común do que pensaran.

Maui, o personaxe dun conto tradicional neozelandés consegue derrotar a un malvado feiticeiro palestino. Ao tempo, un coello arxentino pide axuda aos seus veciños para recuperar a súa casa, que fora ocupada por un descoñecido.

A duración do espectáculo é de 55 minutos e está recomendado para públicos infantís, a partir dos 5 anos.

Xa están esgotadas as entradas para a sesión da tarde e as restantes, só para a función da mañá ás 12.00h, pódense adquirir en venda anticipada en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43, ata tres horas antes do comezo do espectáculo. Dúas horas antes da función abrirase a taquilla do Teatro Principal para vender as que aínda queden dispoñibles. O prezo das entradas é de 3 €. O luns 1 de febreiro haberá unha nova función da obra, que ten o aforo concertado cos colexios na sesión das 11.30 h.