Presentación

Presentación

Na semana do 5 ao 11 de febreiro celebrouse o VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase dunha cita anual co mundo dos libros que se espera e se vive de xeito singular na cidade. Durante unha semana, a literatura dedicada aos máis pequenos convértese na verdadeira protagonista. Exposicións, intervencións artísticas, obradoiros, contacontos, teatro, actuacións musicais, danza, maxia, títeres, cursos, conferencias, presentacións de libros, encontros, homenaxes, etc., constitúen un abano de actividades no que se implican colexios, institucións, colectivos de todo tipo e cidadáns e cidadás de todas as idades.

A natureza

Nesta edición, o Salón tivo como tema central “a natureza”. A natureza como paisaxe das emocións no eido da poesía, como escenario no que transcorren as historias, e tamén como protagonista de relatos. Vales, desertos, lagos, montañas, ceos, subterrráneos, galaxias, árbores, animais, flores, mareas, ventos, menceres. As estacións, os climas, os ciclos da existencia. As paisaxes do espírito. Tamén a destrución do medio e a necesidade dun desenvolvemento sostíbel. A natureza observada, vivida, recreada. Desde o mundo dos libros, foi a nosa contribución ao obxectivo de conseguirmos un mundo máis fermoso, máis san e máis natural.

Valoración

Sumando os diversos apartados, o número total de persoas que percorreron os espazos do Salón ou participaron nas súas actividades ao longo de case un mes estímase nunhas 17.000 persoas. Unha valoración altamente positiva e de superación con respecto a edicións anteriores. A súa repercusión na prensa estivo á altura desta valoración, tanto nos medios galegos coma na prensa especializada de fóra de Galicia.

A estas alturas, existe a conciencia certa de que o Salón de Pontevedra é unha das citas máis relevantes que arredor da literatura infantil e xuvenil se celebran no Estado español e, pola súa singularidade nalgúns aspectos, unha das máis interesantes de Europa. A satisfacción pola culminación dun labor intenso que logrou reunir durante uns días varios milleiros de nenas, nenos e persoas adultas arredor dos libros e a lectura, e a seguridade de que ese encontro é o comezo dunha relación fluída e constante. Eis o obxectivo central do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.