A festa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chega a Madrid

A festa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chega a Madrid

xoves, 12 de Xaneiro de 2006

Éxito de público no acto celebrado esta tarde na Casa de Vacas do Parque do Retiro

A presentación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra en Madrid congregou a grande número de público que ateigou esta tarde o auditorio da Casa de Vacas no madrileño Parque do Retiro. Este recinto acolle a celebración do Salón do Libro de Madrid, que afronta xa a súa recta final.

Escritores, editores, ilustradores, estudiantes, nenos e todo tipo de público gozaron deste evento, no que se presentou o Salón pontevedrés a xeito de conto, como non podía ser doutro xeito. A contadora Tareixa Alonso, dos pontevedreses Pavís Pavós, foi a conductora desta representación, no papel dunha escritora á busca dun tema para os seus relatos. Logo de se mergullar na fantasía dalgúns clásicos, ós que deron lectura persoeiros do mundo da cultura e da administración, a escritora atopa a clave do que quere contar na trascendencia do Salón do Libro Infantil e Xuvenil na cidade de Pontevedra.

O relato de Tareixa, do que é autor Manuel Lorenzo, foi estratexicamente interrompido en varias ocasións polas lecturas de fragmentos de clásicos. O escritor e editor galego Xosé Antón Neira Cruz, a escritora vasca Mariasun Landa, a ilustradora Patricia Castelao (autora do cartel da sétima edición do Salón) e o compositor e etnomusicólogo Polo Vallejo puxeron voz a uns parágrafos de títulos tan recoñecibles como Robinson Crusoe, Carapuchiña Vermella, O señor dos aneis e O Principiño. Toda vez que a “escritora” atopou a súa inspiración no Salón do Libro pontevedrés, chegaron as intervencións máis institucionais.

A coordinadora do Salón, Helena Torres, explicou o funcionamento do foro en tanto que proxecto colectivo participado polo Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia (por vez primeira nesta edición), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación Máis Libros, cabo dunha trintena de agrupacións de carácter local e non local que achegan o seu traballo, experiencia, ideas e ilusión. Apuntou Torres como se transforma o Pazo da Cultura nun escenario de conto tamén coa intervencións do alumnos dos colexios da comarca e as aportacións da Facultade de Belas Artes e a Escola de Canteiros de Poio, e outros moitos. A coordinadora do Salón resumíu as múltiples e variadas actividades que acolle a cita: contacontos, títeres, teatro, música, danza e obradoiros para nenos e maiores, sempre coa mesma intencionalidade: incitar ó acto de ler.

Seguidamente interviú a Concelleira de Cultura pontevedresa, María Xesús López Escudeiro, que estableceu un símil comparando o Salón cun barco da ilusión que vai facendo escala en tantos portos como edicións acumula a cita. Salientou a concelleira a extraordinaria desposta da cidadanía a este proxecto e ratificou o apoio do Concello a un evento que, dixo, “pon en valor a cultura propia establecendo diálogos con outras”.

O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, subliñou que boa parte do éxito do Salón reside en que se trata dun proxecto colectivo e expresou a súa satisfacción porque a Xunta de Galicia sumase o sei apoio á cita, por primeira vez, recalcou. Segundo Bará, “o Salón é un soño que pasa por un compromiso das administracións local e autonómica coa cultura, como parte fundamental e inexcusable no fornecemento de calidade de vida ós cidadáns”.