Libros recomendados • Por idioma

Galego

A gatiña Rosalinda

Luns 9 de outubro de 2006 • Comenta este libro

  • Para prelectores
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Factoría K de libros (2006)
  • Texto: Piotr Wilkoń
  • Ilustracións: Jósef Wilkoń
  • Tradución: Urs Taeger, Fe González
  • 12,00 €

Álbum ilustrado sobre a diversidade, a busca da identidade propia e a defensa da tolerancia, recreado na historia dunha familia de gatos moi, moi distinguida: Don Casimiro e Dona Carolina proveñen dunha longa e recoñecida estirpe famosa pola súa fermosa pelaxe negra coma o carbón; despois dunha longa espera van ter unha filla que esperan con ansiedade, mais con Rosalinda chega unha grande sorpresa: en lugar da tradicional pelaxe negra na súa familia, Rosalinda loce unha chamativa cor arrubiada…, pero non é a única peculiaridade desta gatiña singular. Rosalinda gusta de relacionarse con cans e ratos, por exemplo.

Dispoñible versión en castelán.

Animais fantásticos

Venres 4 de maio de 2007 • 1 comentario

  • A partir dos 8 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Kalandraka (2007)
  • Texto: José Jorge Letria
  • Ilustracións: André Letria
  • Tradución: Xosé Ballesteros
  • 14,00 €

Hai animais verdadeiros, reais, e outros fantásticos ou marabillosos que naceron da imaxinación humana, que pasaron a ocupar un espazo no imaxinario poético das civilizacións, nas mitoloxías, nos libros de contos e lendas tradicionais, alimentando a sede de fantasía de nenos e adultos...

Este é un álbum de iniciación á mitoloxia cun repertorio de 19 animais máxicos, representados con diferentes técnicas de ilustración, que propón unha viaxe a través da memoria dos tempos e da imaxinación colectiva. Imos coñecer a Ave Fénix, o Basilisco, o Centauro, a Esfinxe...

Tamén dispoñible en castelán

Cartas que veñen e van (libro con CD)

Mércores 8 de novembro de 2006 • 3 comentarios

  • A partir dos 4 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Primerapersona (2006)
  • Autor/a: Susa Herrera con Mamá Cabra
  • 23,00 €

“Xa non escribimos cartas… Mágoa. As cartas son misteriosas, traen novas, contan segredos… Cartas que veñen e van, un proxecto que integra a aprendizaxe e o ensino de todas as linguaxes cos contidos da educación infantil e do primeiro ciclo da primaria: animais domésticos e salvaxes, as cores, os contrarios, as partes do corpo, psicomotricidade, ritmos, sons…”

Cartas que veñen e van xunta unha serie de cartas que propoñen magníficas actividades para desenrrolar nas aulas e nos traballos colectivos, sen esquecer nunca a ilusión de recibir unha carta inesperada. Así, o poliño Pepe (no galiñeiro da casa grande, Estrada do Campo da Feria, en Rábade), a vaca Sofía que tanto ama a música (nas cortes de estabulación libre, na Serra de Outes), e moitos máis, reciben unha simpática misiva cunha canción exclusiva para cada un deles, e varias propostas de xogos e actividades que nos ensinan a aprender dun xeito divertido.

Unha posta en escena de excelente calidade que Susa Herrera agradece no propio texto a Asociación Pedagóxico- Musical Soutullo (xérmolo do mesmo), e a Mamá Cabra polo seu entusiasmo e colaboración…

Chocolata

Venres 4 de agosto de 2006 • Comenta este libro

  • Para prelectores
  • Idioma: Galego
  • Editorial: OQO (2006)
  • Texto: Marisa Núñez
  • Ilustracións: Helga Bansch
  • 10,50 €

Dun xeito similar ó clásico de Babar, o álbum de Chocolata cóntanos a fermosa historia dunha hipopótama que quere probar os baños da cidade que o seu amigo, o chimpance Teófilo, lle dixera que se toman en bañeiras. Nas rúas da cidade síntese cunha "pinta salvaxe" e decide mercar un traxe, e uns zapatos, e comer nun restaurante, e un libro para agasallar o seu mellor amigo, aquel que “o que máis lle gustaba era facer monadas e contar contos.”

Os ditos populares din que "os gordísimos" son xente moi tranquila e pracenteira, mesmo como Chocolata, que logra transmitir paz e tranquilidade dentro dunha estética armoniosa e doce.

Encender la noche

Venres 4 de agosto de 2006 • Comenta este libro

  • A partir dos 6 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Kókinos (2005)
  • Texto: Ray Bradbury
  • Ilustracións: Noemí Villamuza
  • 15,00 €

“Aos portadores da Luz” vai adicado este álbum que nos relata como un neno teme a escuridade, non atura os lugares escuros, pero, por riba de todo, non lle gustaba a noite; mentres os nenos xogaban na rúa durante as noites de verán, el quedábase no seu cuarto coas súas lanternas e a súa lámpada, cos seus farois e as súas veas, completamente só.

Todo muda cando coñece a unha nena de cabelo negro, ollos negros e negro vestido; a súa cara era branca como a lúa e os seus ollos escintilaban como estrelas..., chamábase Escuridade e só ela lle ensina a acender a Noite, a acender os grilos, as ras, as estrelas e a lúa.

Agora o noso protagonista é feliz acendendo cada día a Noite e todos os seus elementos.

Mariluz Avestruz

Venres 11 de maio de 2007 • Comenta este libro

  • Para prelectores
  • Idioma: Galego
  • Editorial: OQO (2007)
  • Tradución: Marisa Núñez
  • Texto: Rachel Chaundler
  • Ilustracións: Bernardo Carvalho
  • 11,00 €

Esta é a historia de Mariluz, unha avestruz da sabana africana; Mariluz séntese moi orgullosa da súa cola, moi xeitosa, e pasa o día abaneando as súas plumas. Mariluz, pola noite, non dorme como os demás avestruces: para non esmagar as plumas dorme coa cabeza agochada na area e a cola ó aire; a súa nai pensa que é unha presumida e dille: “só os avestruces papáns dormen coa cabeza agochada no chan...”, pero Mariluz non fai caso e cada noite mete a súa cabeza nun oco no chan. Este costume vai ocasionarlle problemas e ensinaralle que o máis importante non é o aspecto físico...

Tamén dispoñible en castelán

Mirar a pintura a través dos séculos

Martes 12 de setembro de 2006 • Comenta este libro

  • A partir dos 8 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Factoría K de libros (2006)
  • Texto: Caroline Desnoëttes
  • Tradución: Emma Lázare
  • 22,00 €

Mirar a pintura a través dos séculos propón unha galería de arte dende o estilo gótico internacional, entre os séculos XIV e XV, ata a arte figurativa e abstracta de Chagall no século XX. A estructura repítese sobre unha obra de arte que se toma como representativa de cada un dos movementos artísticos estudiados, 18 en total. A través das lapelas que se levantan nas páxinas vemos os pormenores dos lenzos ou ben as gamas cromáticas que, nunha primeira ollada, non valorariamos facilmente.

Un estudo de cada movemento, autor e obra, cara o final do álbum , destaca as innovacións e significados ocultos de cada un dos lenzos seleccionados... Unha obra imprescindíbel para o estudo das ciencias sociais, da literatura e, por suposto, da arte.

Esta é a primeira obra deste tipo en lingua galega: dámoslle a benvida a esta iniciativa editorial tan exquisitamente ben presentada como vén sendo habitual en Factoría K de libros.

Un álbum para comer cos ollos, para todas as idades.

O monstro de Ricardo

Luns 3 de xullo de 2006 • Comenta este libro

  • Para prelectores
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Kalandraka (2006)
  • Texto: Julia San Miguel Martos
  • Ilustracións: Rocío Martínez
  • 12,00 €

Ricardo xoga baixiño co seu monstro para non espertar ós seus pais nin á súa irmá que dorme no cuarto do lado. De súpeto, ábrese a porta, acéndese a luz e ambos os dous quedan tesos de medo: "unha pluma, dous ollos saltóns, tres chupetes, catro chichos, cinco dedos… AAAAHHHH! É a irmá de Ricardo". Unha xoia de relato que nos fala do maior monstro de mundo, segundo Shakespeare.

Pequechos das praderías e das sabanas

Mércores 20 de decembro de 2006 • Comenta este libro

  • A partir dos 4 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Factoría K de libros (2006)
  • Texto: Kingfisher Publications Plc
  • Tradución e adaptación: Xulio Gutierrez e José María Heras
  • 12,00 €

"Ao nacer son miúdo coma un cacahuete, por iso teño que estar nunha bolsa que ten miña nai na barriga. Despois cando medro un pouco, xa podo saír pero gústame ir dentro para estar quentiño. ¿Sabes que son?"

Neste libro descubrirás, a través de adiviñas, animais asombrosos: elefantes, leóns, suricatos, xirafas… Aprenderás moitas cousas sobre eles e disfrutarás coas fermosas fotografías tanto dos cachorros como das súas nais, que aparecen sempre nas páxinas que solucionan as adiviñas propostas polos pequechos.

O mencionado título pertence a unha colección de Pequechos do deserto, da selva, das montañas, das terras polares ou dos ríos e dos lagos. Temos pois unha visión global da fauna máis miuda dos distintos hábitats do planeta que temos que mimar moito, moito, para que os cachorros humanos poidan admiralo coa diversidade de vida que o caracteriza.

Sígueme. Unha historia de amor que non ten nada de raro

Venres 4 de maio de 2007 • Comenta este libro

  • Para prelectores
  • Idioma: Galego
  • Editorial: OQO (2007)
  • Texto: Jose Campanari
  • Ilustracións: Roger Olmos
  • Tradución: Marisa Núñez
  • 11,50 €

“Había unha vez unha selva onde vivía un elefante gordo e gris...,un elefante gris con lunares morados, que non tiña nada de raro

Un elefante gris que está namorado dunha formiga con cintura de avespa, que o deixou pasmado..., e non ten nada de raro.

Cando o verán ía rematar, o elefante decatouse de que non volvería a vela ata o verán seguinte e preparouse para confesar o seu amor; a formiga chegou cargando unha folla que dicía “sígueme”, e o elefante gris con lunares morados seguíuna...Así comeza unha linda historia de amor que non ten nada de raro.

Un álbum cunhas excelentes ilustracións que permiten unha lectura de imaxes impecable,... que non ten nada de raro.

Tamén dispoñible en castelán

Un barco no ceo

Martes 24 de xullo de 2007 • Comenta este libro

  • A partir dos 6 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Kalandraka (2007)
  • Autor/a: Quentin Blake
  • Tradución: Emma Lázare
  • 15,00 €

Dous nenos voan no seu barco, pero non polo mar, senón polo ceo, transformándoo nunha arca acolledora de todos aqueles que sofren na Terra calquera tipo de inxustiza. No álbum indícase que 1800 nenos de Singapur, Londres, Dublín, Oslo…, colaboraron co autor para facer despegar esta asombrosa historia de solidariedade.

Unha casa a medida

Martes 14 de agosto de 2007 • Comenta este libro

  • A partir dos 5 anos
  • Idioma: Galego
  • Editorial: Factoría K de Libros (2007)
  • Autor/a: Daniela Kulot
  • Tradución: Marc Taeger, Pilar Martínez
  • 15,00 €

Crocodilo e Xirafa xa están namorados desde un álbum anterior. Agora queren unha casa para poder vivir xuntos. Pero, como ela é tan alta e el tan baixiño, non é doado atopar a casa idónea, unha casa axeitada para os dous: unha casa a medida.

Unha nova entrega, a cuarta, desta simpática parella un chisco desequilibrada no tamaño, pero compenetrada ata poder superar calquera contratempo. Valores como a parella, o amor, aceptación das diferenzas, a familia…, son os aspectos máis destacables deste fermoso álbum.

© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra