Máis de 300 actividades para un Salón do Libro que amplía a súa duración unha semana e que se estende ao Recinto Feiral

Máis de 300 actividades para un Salón do Libro que amplía a súa duración unha semana e que se estende ao Recinto Feiral

venres, 20 de Febreiro de 2015

“Durante un mes Pontevedra será o epicentro da literatura infantil e xuvenil”. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentaba hoxe en rolda de prensa a programación do Salón do Libro, que na súa XVI edición se celebrará baixo o título ‘Da ciencia á ficción’.

Anxos Riveiro estivo acompañada, como non podía ser doutro xeito, polo lobo Orbil, a mascota oficial do evento cultural, que este ano loce unha bata branca de científico, unha profesión que estará moi presente nas actividades e obradoiros que terán lugar no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral entre o 27 de febreiro –día da inauguración– e o 28 de marzo.

 “O obxectivo do Salón do Libro segue a ser o mesmo co que naceu: a promoción da lectura, implicando a familias e docentes e contando con moitísimas entidades que adaptan os seus proxectos á temática de cada ano”, sinalou a concelleira, que salientou os traballos realizados por corenta centros escolares da comarca que serán expostos no Pazo da Cultura.

“Son máis de 10.000 rapaces os que tomarán parte nas visitas e obradoiros dun Salón que ofrecerá máis de 300 actividades para o público familiar”, engadiu.

Durante preto de cinco semanas –unha máis do habitual–, teatro, música, danza, cine, contacontos, obradoiros, roteiros, charlas, presentacións de libros e exposicións tomarán as instalacións do Concello de Pontevedra á outra beira do río. Neste sentido, a concelleira de Cultura anunciou entre as novidades desta edición que por primeira vez se utilice o Recinto Feiral para o Salón do Libro. “Será a partir do 7 de marzo. O espazo fundamental será o Pazo, pero precisabamos doutro para dar cobertura a outras actividades, especialmente durante a demanda dos fins de semana”.

Ademais, tamén serán novidade a inclusión de parte das actividades do programa de lecer alternativo ‘Noites Abertas’ os venres e sábados, un ciclo de cine con películas cedidas polo CGAI e tres cursos específicos para docentes.

‘Da ciencia á ficción’ permitirá que a literatura e a ciencia se dean a man de xeito ameno para achegar ambas disciplinas aos máis pequenos con mestres de cerimonia recoñecidos a nivel galego, nacional e incluso internacional. Así, polo XVI Salón do Libro pasarán persoeiros como o psicopedagogo Francesco Tonucci, o forense Ángel Carracedo ou o físico e divulgador Jorge Mira, que coincidirán con artistas como Paulo Lameiro, Pep Bou, Xoán Curiel, Raquel Queizás e os pontevedreses Andrea Bayer, Itziar Ezquieta e Miguel Vidal, entre outros.

Neste sentido, Anxos Riveiro quixo facer fincapé na colaboración de institucións científicas como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Museo de la Ciencia de Valladolid, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Barrié e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt).

 

Estreas e exclusivas do Salón do Libro

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil contará con estreas e tamén con espectáculos feitos especialmente tendo en conta a temática da súa XVI edición. É o caso de ‘A pel da auga’, de Pep Bou; de ‘O circo atómico das irmáns Faynman’, de Chévere; ‘A guerra dos números’, de María Lado, Lucía Aldao e o SPJ Trío; ‘Godzilla’, da Banda de Música de Pontevedra; ‘Luppo’, de Baobab Teatro; ‘A gramola gominola’; ‘O ritmo do camiño’, da Tropa de Trapo; ‘Peter Pan’, da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra; ‘A miña estrela’, da Orquestra de Cámara Lira, e o concerto do coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga.

“A oferta inclúe moitas actividades e espectáculos de entrada de balde e os que non o son teñen un prezo moi asequible de tres euros, para que ninguén se quede sen ir”, indicou a concelleira de Cultura. Entre elas, a organización do Salón do Libro destaca a posta en escena de ‘Star Trip’, de Yllana, unha das compañías teatrais máis recoñecidas de España.

A oferta expositiva deste ano do XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra inclúe unha mostra na Biblioteca Pública Antonio Odriozola con ilustracións da portuguesa Mafalda Milhões; a compilación de fotografías ‘Cociñando contos. Búscate no salón’, de Miguel Vidal na Galería Sargadelos, e as que varias entidades participantes amosarán nas instalacións do Pazo da Cultura e do Recinto Feiral, coa ciencia como protagonista.

 

Actividades previas

Aínda que o non se inaugurará oficialmente ata dentro dunha semana, o Salón do Libro xa comezou a súa andadura estes días con ‘Merendando contos’, seis sesións de contacontos noutras tantas librerías da cidade que foron inauguradas con Andrea Bayer, con ‘Contos para a Lúa’.

Esta tarde é a quenda de Paul do Canizo, con ‘Contos da montaña (rusa)’ na libraría Seijas (18:00 horas), que repetirá o luns, á mesma hora, en  D-lectum.

 

Inauguración oficial

O acto de inauguración do Salón terá lugar o vindeiro venres, 27 de febreiro, ás 19:00 horas, nun acto conducido por Bea Campos no que os protagonistas serán, coma sempre, os nenos, neste caso os do CEIP San Martiño e o IES A Xunqueira I.

O Salón do Libro, que pechará as súas portas o 28 de marzo, estará aberto de luns a venres en horario de tarde: de 17:00 a 20:30 horas. As fins de semana e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.