Máis de 300 persoas asisten á inauguración do XI SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA

Máis de 300 persoas asisten á inauguración do XI SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA

domingo, 07 de Febreiro de 2010

A Aula Folque Infantil (AFI) abriu esta mañá a programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no Auditorio do Pazo da Cultura coa súa interpretación musical das Cidades Imaxinarias. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura, Lola Dopico Aneiros participaron tamén no acto de inauguración da que é xa a décimo primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

A concelleira de Cultura presentou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, como un evento cheo de cariño, de sorpresas e de ledicia. Lola Dopico explicou que a presente edición abrangue as cidades posibles, imaxinadas, as dos soños… a nosa cidade porque son o marco escollido para achegarnos á literatura infantil este ano. O obxectivo do Salón, segundo a concelleira de Cultura é “facer xurdir o agromo do amor polo libro no primeiro paso por entrar no mundo da literatura”.

Tamén resaltou a continuidade proxecto centrado na promoción cultural e en amosar o mellor da literatura galega dirixida a infancia e a mocidade: “Amosamos cada ano con moito orgullo aquilo co que estamos a traballar e precisamente a relación cos centros, que é unha das señas de identidade, polo que expresamos o noso agradecemento ao esforzo dos nenos e sobre todo dos profesores que conseguen inspirar o interese pola lectura”. Dopico expresou ademais a gratitude do Salón do Libro “para Agustín Fernández Paz, para Xosé Covas e para toda a xente que participa e que está a traballar e leva traballando durante dez anos para que o Salón do Libro Infantil sexa unha realidade na súa undécima edición este ano. Finalmente, ao laboratorio de sons da Aula Folque porque fan un traballo cuns froitos que non deixan de sorprendernos”. Mostra de que a cultura propia, feita, pensada e realizada en galego pode ser unha obra de calidade para todos os públicos.

O alcalde de Pontevedra valorou do traballo posto en escena pola Aula Folque Infantil para este evento e destacou que “este ano contamos cun motivo de ledicia, xa que a protagonista é a cidade, e non só a de Pontevedra, senón todas as cidades do mundo”. Por iso, afirmou Miguel Anxo Fernández Lores, “o Concello traballa na mellora da cidade, para poder desfrutar dos paseos pola milenaria pedra das nosas rúas e prazas, gústanos vivir na nosa cidade chea de xentes, parques, mercados, pontes, luces que afastan as noites das tebras misterioras e as devolven á vida e á cultura. Quixemos que a cidade fose sobre todo vosa, dos nenos e das nenas e que o galego sexa a vosa lingua normal, un idioma do que temos que estar orgullosos e que nos sirva todas as horas de todos os días do ano para facer cousas positivas das que se compón a nosa vida”. O alcalde manifestou o seu especial agradecemento a todos os que fixeron posible o Salón do Libro infantil e Xuvenil.

As cidades imaxinarias

A AFI recreou coa ambientación de grandes cidades diferentes espazos: un peirao, unha praia, unha grande urbe, un mercado,… e aplica distintas artes escénicas para representar valores colectivos universais. O espectáculo combina danza, teatro, música, video-creación, canto e improvisación libre. Está escrito e interpretado por rapaces entre 6 e 13 anos, que son os propios protagonistas da obra.

Cidades Imaxinarias é o resultado do traballo do curso que os máis pequenos desenvolven no Laboratorio de Sons, unha actividade que ten lugar todos os sábados dentro do programa docente da Aula Folque Infantil no edificio do Antigo Conservatorio de Música.

As actividades previstas para todos os públicos entre o 7 de febreiro e o 14 de marzo de 2010 inclúen espectáculos, música, conferencias e outros actos, ademais de exposicións, varios obradoiros de animación á lectura e outros relacionados coa literatura e o teatro infantís e xuvenís, que se combinarán con eventos en colaboración cos centros escolares.