Mañá domingo comeza a sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Mañá domingo comeza a sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

sábado, 04 de Febreiro de 2006

A natureza é o motivo principal do Salón, que este ano se celebra do 5 ó 11 de febreiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O acto inaugural, que principiará ás doce do mediodía, convertiráse nunha emotiva homenaxe á escritora María Victoria Moreno.

Pontevedra, 04 de febreiro de 2006.

A sétima edición do Salón iniciáse mañá domingo cunha homenaxe especial á escritora María Victoria Moreno, falecida recentemente, e a persoa quen debía da-lo pregón inaugural. Os alumnos de 6º de primaria do CEP A Xunqueira II de Pontevedra faránno en lembranza desta figura tan querida para o Salón. Tamén na clausura, o vindeiro sábado 11 de febreiro, o escritor Xosé Antón Neira Cruz terá palabras para María Victoria.

O acto inaugural dará comezo mañá domingo, 5 de febreiro, ás doce do mediodía no Pazo da Cultura e será conducido pola actriz Comba Campoy. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dará a benvida ós asistentes e, de seguido, intervirán a Conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, e maila coordinadora do Salón, Helena Torres.

A continuación, daráse lectura ó pregón. Este ano correspondíalle pronuncialo á escritora María Victoria Moreno. Desta volta, serán os alumnos de 6º de primaria do CEP A Xunqueira II os encargados de facelo e dun xeito moi especial, na lembranza de María Victoria. Dúas actuacións musicais poñerán o peche ó acto: a dos alumnos do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e a de Uxía Senlle acompañada pola señora Carme de Malvela.

Á unha, os pequenos e os seus pais gozarán dunha sesión de contacontos a cargo de Golfiños, Pavís Pavós e Raquel.

Á seis da tarde, o grupo Papaventos dirixirá un obradoiro de medioambiente aberto ós nenos e nenas que nos visiten xa neste primeiro día de andaina.

Finalmente, a compañía Date Danza ofrecerá o espectáculo “Hijos de las estrellas” no Teatro Principal, dentro da programación Domingos do Principal, para nenos e nenas a partir de once anos. Tódolos actos e actividades que se celebran o domingo 5 de febreiro son abertos ó público e de entrada libre e gratuíta, agás o pase de “Hijos de las estrellas”, que ten un prezo de 2 euros.