Manel Loureiro: “Teño, á vez, o mellor e o peor traballo do mundo: son escritor”

Manel Loureiro: “Teño, á vez, o mellor e o peor traballo do mundo: son escritor”

martes, 24 de Marzo de 2015

“Teño, á vez, o mellor e o peor traballo do mundo: son escritor”. Así comezaba hoxe o pontevedrés Manel Loureiro o seu encontro con estudantes de Secundaria no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

O autor, coñecido mundialmente pola saga de zombies ‘Apocalipis Z’, conseguiu captar a atención de máis de cen rapaces no Salón de Actos do Pazo da Cultura dende o minuto un da súa charla, titulada ‘De onde nacen as hitorias’.

“É o mellor traballo do mundo porque a xente paga por ler o que eu soño. E é o peor porque cando necesito axuda, non hai ninguén que me poida axudar”, aclarou Loureiro, avogado de profesión que colgou a toga hai tres anos para adicarse en exclusiva ao mundo da literatura.

O escritor fixo que a súa conferencia no Salón do Libro contase coa participación activa dos estudantes, animándoos a responder a preguntas sobre os seus hábitos de lectura ou de visionado de películas e series de televisión. “Vexo que gaña o cine sobre a literatura”, recoñeceu ao ver todas as mans dos asistentes erguidas.

Os rapaces coñeceron co autor de ‘El último pasajero’ a ‘Teoría de Gozzi’, un filósofo italiano do século XVIII que mantiña que 36 son todas as historias que se poden chegar a contar. Para que o comprenderan púxolles varios exemplos, como o paralelismo entre as personaxes de Xesucristo e E.T, o extraterrestre, “chegados ambos á terra con fins pacíficos”, ou as similitudes de ‘La guerra de las Galaxias’, ‘El señor de los anillos’ o ‘Harry Potter’, que se poden sintetizar baixo o concepto “o camiño do heroe”.

Loureiro tamén fixo un repaso sobre o proceso de creación literaria e as súas partes esenciais: plantexamento, nudo e desenlace. “A clave está nun bo plantexamento. Sentar as bases dunha historia é algo casi máxico”, enfatizou.

Ademais, no encontro cos estudantes analizáronse as diferenzas entre cine, teatro, televisión e literatura e subliñouse a importancia da documentación previa na construción de calquera tipo de historia.