Memoria de actividades

Memoria de actividades

xoves, 12 de Xaneiro de 2006

O Salón do Libro de Pontevedra naceu en 1999 da man da Asociación Máislibros e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, co apoio decidido do Concello de Pontevedra. Este equipo está arroupado polo traballo, a experiencia, as ideas e a ilusión de máis de trinta colectivos e institucións. Este encontro co libro acolle exposicións, obradoiros de escrita, animación á lectura, contacontos e música abertos ó público adulto e ós colexios da comarca. Durante os meses previos a esta cita, os escolares da área metropolitana afánanse na realización dos traballos que lles permitirán participar nestas actividades. Trátase dunha experiencia educativa fascinante.

En cada edición, o Salón dedícase a un tema que centra a maior parte das actividades. Os clásicos foron os protagonistas da pasada edición, en consonancia coas efeméredes históricas que se festexaron en 2005: o Quixote, Andersen, Jules Verne ou O Señor dos Aneis, entre outros. A literatura oral marcou a primeira edición do Salón, que na súa segunda edición se consagrou á poesía. No seu terceiro ano de vida, o Salón rendeu homenaxe á obra de Gianni Rodari, no cuarto ocupouse da literatura de viaxes e as personaxes do mundo fantástico transitaron por tódolos espazos que ocupou a quinta edición deste evento.

Ó longo das seis edicións precedentes e ata a data, o Salón foi medrando en tódolos sentidos: espazos, ambientación, actividades, no número de entidades colaboradoras, en dimensión social, complexidade e, naturalmente, en resultados. A primeira edición foi visitada por unhas 2.500 persoas, a pasada acolleu a 9.000 espectadores, entre nenos e maiores.

A presente edición

Actualmente, atopámonomos ultimando os detalles da sétima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar entre os días 5 e 11 do vindeiro mes de febreiro no Pazo da Cultura da nosa cidade. A cita co libro infantil e xuvenil de Pontevedra ten, nesta ocasión, á Naturaleza como motivo principal e, para entón, contaremos coa presenza de escritores e ilustradores tan recoñecidos como Antonio Rodríguez Almodóvar, Juan Kruz, Miquel Desclot, Ana Romero Yebra, Francisco Fernández Naval, Antonio Reigosa, Pablo Amargo e Kiko da Silva, entre outros. Estamos especialmente orgullosos de poder anuncia-la asistencia de Ana María Matute, quen participará como conferenciante no Salón.