Venres, 5 de febreiro de 2010
O Pazo de Congresos e Exposicións recibirá entre o 7 de febreiro e o 14 de marzo a todos os públicos interesados na XI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que ten a cidade como protagonista. A inauguración que se celebra o domingo, 7 de febreiro de 2010, no Auditorio do Pazo da Cultura tratará sobre as Cidades Imaxinarias.
A programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil diríxese a toda a familia e ten como obxectivo que todos os nenos, as nenas, pais e nais poidan divertirse e descubrir xuntos o mundo dos libros, como se estivesen no salón da súa propia casa.
As actividades previstas para todos os públicos inclúen espectáculos, música, conferencias e outros actos, ademais de exposicións, varios obradoiros de animación á lectura e outros relacionados coa literatura e o teatro infantís e xuvenís, que se combinarán con eventos en colaboración cos centros escolares. As entradas das actuacións pódense recoller na billeteira, unha hora antes de cada espectáculo, e contan cun desconto do 50% para os menores de 12 anos.
O Salón do Libro recoñece este ano a súa traxectoria literaria a Agustín Fernández Paz cunha homenaxe no Pazo da Cultura o sábado 13 de marzo de 2010, ás 13.00 horas.
As instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra permanecerán abertas ata o domingo, 14 de marzo e contan cun espazo ambientado polo alumnado da Facultade de Belas Artes, exposicións de traballos escolares e ambientación xeral do Pazo da Cultura pola escola de tempo libre Paspallás. Tamén haberá exposicións sobre a homenaxe a Agustín Fernández Paz e O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. do Campo.
O horario de apertura durante a semana lectiva é de martes a venres, de 17 a 21 horas, excepto os luns, que estará pechado; abre os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas; os domingos e festivos, de 11 a 14 horas.
A edición de 2010 tamén conta con espazos e actividades na Biblioteca Pública de Pontevedra, Casa das Campás, na Galería Sargadelos e a sede pontevedresa de Caixa Galicia.
A organización dos eventos promovida pola Concellaría de Cultura e o Pazo da Cultura de Pontevedra, agradece a colaboración de: a Consellería de Cultura e Ensino, a Fundación Caixagalicia, a Asociación Sociopedagóxica Galega, a Asociación Galega de Editores, a Banda de Música de Pontevedra, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Virtual Galega, a Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil Galega (BLIX), o Centro Cultural de Monteporreiro, o Ciclo Superior de Educación Infantil do IES Xunqueira I, o Cine Clube de Pontevedra, Domingos do Principal, ETL Paspallás, Facultade de Belas Artes, Facultade de Ciencias da Eduación, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fundación Caixanova, GÁLIX, IES Carlos Oroza, Museo de Pontevedra, ONCE, Policía Municipal de Pontevedra, Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Casa das Campás e varias editoriais, librerías, colectivos e voluntariado. As actividades previstas entre febreiro e marzo pódense consultar no calendario desta páxina.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra