Grande éxito de público no arranque da nova programación das Tardes na Sala do 11 º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Xoves, 25 de febreiro de 2010

A pesares do temporal que está azotando a nosa comunidade entorno ás 60 persoas asistiron á actuación de GOLFIÑOS na que se combina a música cos contos e a interacción dos máis novos. "Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí" traerá hoxe a música á Sala de Exposicións preparada para a actuación no Pazo da Cultura.

A primeira posta en escena das novas actividades que ofrecen as "Tardes na Sala" superou con creces o obstáculo do mal tempo e recibiu unha resposta do público moi positiva, xa que conseguiu encher o espazo que tiña reservado. A actuación musical de Golfiños, que está especializada nos públicos infantís, volverá a animar a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura os vindeiros venres 5 e 12 de marzo.

Hoxe, xoves 25 de Febreiro dentro da ampliación da programación do 11º Salón Infantil e Xuvenil a compañía de títeres Cachirulo traerá "Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí" ás "Tardes na Sala" que se celebran na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura ás 18:00 horas.

Inspirándose na vida do compositor musical, Cachirulo títeres trae ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil un espectáculo de marionetas de fío talladas en madeira, que desenvolven a acción nun retablo barroco. A invitación do emperador para que Mozart interprete a súa música provoca a envexa do mestre de cámara, que tentará impedir o concerto sen chegar a conseguilo.

Este espectáculo tamén se ofrecerá ao público os vindeiros 4 e 11 de Marzo á mesma hora. Está recomendado para público a partir dos 2 anos e a entrada será de balde.

As actividades previstas na programación do 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra desenvolveranse do 7 de febreiro ata o domingo, 14 de marzo de 2010. Pode consultar más información en www.salondolibro.org.

© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra