Luns, 1 de marzo de 2010
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil comeza o primeiro luns de marzo coa programación de obradoiros dirixidos a todos os públicos: construción de títeres con material de refugallo, de animación á lectura e de escoita “Sonotopías”.
TÍTERES CACHIRULO
OBRADOIRO DE TÍTERES
O obradoiro se impartirá en 4 sesións nas que se pretende achegar o mundo dos monicreques aos participantes coa finalidade de amosar as posibilidades deste xénero teatral para que poidan utilizalo como ferramenta de traballo e tratar nas aulas diferentes temas de interese co seu grupo.
CONTIDOS:
1ª sesión: 1 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Farase unha charla-demostración de arredor de 2 horas de duración na que se tratan diferentes aspectos: - A historia dos títeres, tradicións e actualidade - O títere como transmisor cultural - Os títeres: un teatro cercano e accesible - Diferentes técnicas - Distintos materiais Levarán unha serie de monicreques para que os asistentes poidan ver e probar os tipos máis representativos de marionetas e tamén exemplares de diferentes lugares do mundo.
2ª sesión: 2 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Construción de títeres de dedo e fíos con material de refugallo. A duración será de 2 horas.
3ª sesión: 3 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Construción de títeres de variña e sombras con materiais de refugallo. Duración: 2 horas
4ª sesión: 4 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Creación, montaxe e representación dun sketch a partir de diferentes propostas: - A partir dun conto popular - inventar unha historia traballando un tema de interese - creación dunha historia a partir dun tema impartido na aula Duración: 2 horas
Os asistentes terán uns apuntes sobre os temas a traballar que se porán a súa disposición para que poidan facer as copias necesarias.
KAMANTE TEATRO
TEATRO, XOGO E CREATIVIDADE
Kamante Teatro propón unha aproximación lúdica á expresividade a través de exercicios onde os alumnos e alumnas desenvolvan destrezas como o movemento, a oralidade ou a improvisación.
OBXECTIVO
O curso oriéntase cara o desenvolvemento das facultades expresivas e creativas dos alumnos e alumnas, a través do xogo teatral. Kamante Teatro pretende afondar na esencia propia da expresión e a comunicación, así como crear novos camiños para que poidan desenvolver creativamente a súa imaxinación, o seu propio linguaxe, a súa capacidade de relación e captación de estímulos.
METODOLOXÍA
Trátase dun curso fundamentalmente práctico, de xeito que alumnos e alumnas poidan desenvolver unha memoria corporal e descubrir novos “xeitos de facer”. As sesións comezarán cunha preparación psicofísica, que permita a sensibilización do corpo e a toma de contacto co grupo, así como a preparación para o desenvolvemento da súa creatividade. Do mesmo xeito, cada sesión finalizará cun espazo adicado a preguntas e comentarios que permitan adaptar os contidos ás necesidades concretas de cada alumno/alumna.
PROGRAMA
1ª sesión: 1 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas. O noso corpo. Aproximación lúdica á pre-expresividade. Sensibilización do corpo e desenvolvemento da creatividade. Descubrindo o imaxinario.
2ª sesión: 2 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas. Relación co espazo a través do propio corpo e da propia voz. Territorio escénico e a acción.
3ª sesión: 3 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas. Onde está o outro? Encontro coa expresividade. A través de improvisacións descubrimos os distintos xeitos de facer teatro.
4ª sesión: 4 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas. Descubrimento do grupo. Un espazo e tempo, onde os esforzos teñen un obxectivo común.
5ª sesión: 5 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas. Como contar unha historia? Técnicas para encontrar un argumento e poñer en escena unha historia. Un xogo interdisciplinario onde se atopan as artes.
ESCOITAR.ORG. SONOTOPÍAS
O seminario “Sonotopías. Escoita e territorio” propón unha estratexia que permitirá asumir a complexidade sonora da cidade: comprender en que medida o son informa dun lugar para, desde o oído, elaborar novos xeitos de coñecemento, novas cartografías sensibles. Trátase de redescubrir a cidade profundando no valor do son como vía de coñecemento da sociedade. Desde unha aproximación teórica á experiencia da escoita e a todas as problemáticas que afectaron historicamente ao son, o obradoiro tratará de iniciar aos participantes nos aspectos culturais da escoita e abrir un debate sobre os sons propios da cidade, os sons de pertenza que os habitantes recoñecen de xeito que poidan definir o seu carácter e identidade acústica.
Unha cidade como espazo habitado e cargado de significado, como espazo de identidade, relacional e histórico, está construída de memoria e unha importante parte desa memoria, xa sexa individual ou colectiva, é o resultado da nosa escoita. Cada contorno e cada situación, pero tamén cada acto e cada instante, están vencellados a uns sons concretos que os caracterizan e os identifican ou os individualizan, fronte ás acústicas doutros espazos e contextos.
1ª sesión: 1 de marzo, de 17.00 a 21.00 horas. O son. Elemento estraño. Aproximación. Son e física. Son e vibración. Son e poder. Textos. Ensaios. Estudos e proxectos artísticos. Escoitar.org e o clúster artesonoro.
2ª sesión: 2 de marzo, de 17.00 a 21.00 horas. Imaxe e son como produtores de cultura. Mutacións culturais mediadas pola tecnoloxía. Visión frente ao oído. Redes: hexemonía histórica do visual. Relacións sociais mediadas polo sonoro.
3ª sesión: 3 de marzo, de 17.00 a 21.00 horas. Auralidade. Antropoloxía do son. Paisaxe sonora e auralidade. Ruído/silencio: deseño acústico. Cartografías da escoita.
4ª sesión: 4 de marzo, de 17.00 a 21.00 horas. O son como creador de lugar. Compoñer espazos co son. Definir comportamentos do son no espazo.
5ª sesión: 5 de marzo, de 17.00 a 21.00 horas. Exercizos e actividades baseadas no son. Paseos sonoros pola cidade. Exercizos de silencio. Xogos sonoros. Estimulación do sentido do oído.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra