OS BOMBEIROS VISITAN O MARTES O 11º SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL NO PAZO DE CONGRESOS E EXPOSICIÓNS

Luns, 8 de marzo de 2010

O 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra conta mañá martes 9 de marzo cunha visita moi especial nas instalacións do Pazo de Congresos e Exposicións, protagonizada polo corpo de Bombeiros de Pontevedra.

A partir das 11.00 horas, unha dotación de bombeiros achegarase ao Salón do Libro de Pontevedra para invitar aos nenos e nenas dos centros escolares participantes a coñecer o seu camión e as ferramentas que empregan na súa loita contra os incendios. Esta iniciativa encaixa dentro das actividades programadas polo 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, en colaboración cos servizos locais de seguridade.

Ademais, o xurado do concurso “O traballo dos bombeiros”, convocado polo servizo de Bombeiros de Pontevedra, en colaboración coa Concellaría de Educación, elixirá o gañador entre os debuxos participantes do 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se exhiben na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura.

© 2006–2010 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra