Domingo, 14 de marzo de 2010
500 nenos, nenas, país e nais cantaron as cancións de “A nena e o grilo” no auditorio do Pazo da Cultura, durante a celebración da última xornada do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano bateu as súas marcas de asistencia. Mañá luns, a concelleira de Cultura, Lola Dopico Aneiros, comparecerá ante os medios de comunicación para facer unha valoración da décimo-primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra en 2010.
O público aclamou a primeira posta en escena do espectáculo destinado ao público infantil ‘A nena e o grilo’ de Magín Blanco, unha das figuras máis senlleiras do pop galego, trala saída do prelo do libro-CD-DVD da man da editora OQO.
Nese traballo biblio-discográfico, producido na parte musical por Uxía Senlle e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila. O compositor ourensán exhibe unha ampla variedade de cancións nas que resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk. Como traballo conceptual, ‘A nena e o grilo’ sitúase a medio camiño entre o pop e a música de autor, de feito, as harmonías vocais son o recurso musical máis empregado.
Os propios autores presentaron o seu traballo en directo, nun espectáculo familiar no que Magín (guitarra, voz) contou coa compaña de Guadi Galego (voz), Uxía (voz), Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Tannus (cavaquinho, guitarra, percusión, baixo e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración).
A parte falada adquire unha vital importancia, xa que nos relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo, que descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionantes. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará a parte gráfica realizada por Iván Prieto.
Magín Blanco partiu de historias xa escritas nos contos. Por este motivo, tentou resaltar o sentido dos mesmos construíndo unha “madeixa de fíos” que se entrelazan e se complementan para “colorear” o eixo de toda esta historia: a través do nacemento da amizade entre a nena e o seu amigo o grilo van percorrendo un camiño cheo de emocións e expresividade.
Esta composición amosa un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal para nenos e nenas de todas as idades, sen excluír ao público adulto.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra