Luns, 15 de marzo de 2010
O Pazo da Cultura recibiu 25.025 visitas entre o 7 de febreiro e o 14 de marzo, batindo marcas de asistencia tras dez anos de organización, grazas a todos os públicos interesados na 11º edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A concelleira de Cultura, Lola Dopico Aneiros fixo esta mañá unha valoración positiva da edición que se pechou onte, tanto no referido á asistencia como ao traballo desempeñado por centros escolares, profesionais da educación e voluntarios implicados.
As actividades para todos os públicos incluían espectáculos, música, conferencias e outros actos, ademais de exposicións, varios obradoiros de animación á lectura e outros relacionados coa literatura e o teatro infantís e xuvenís, que se completaron con eventos en colaboración cos centros escolares durante tres semanas de febreiro e a primeira quincena de marzo. Esta programación permitiu que se superasen ampliamente as expectativas de asistencia da organización, a pesar de contar cun orzamento máis reducido que nos anos anteriores.
Entre as cifras de asistencia, que superan os resultados de todas as edicións previas e as propias expectativas da presente celebración, destacan as xornadas da primeira semana de celebración, nas que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acadou un promedio de 1.891 visitas diarias, a maiores das máis de 300 que acudiron á inauguración.
Ampliación de “Tardes na Sala” O máis destacable este ano foi o grande éxito de visitas á Sala de Exposicións do Pazo da Cultura nos horarios de tarde, polo que a organización do 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tivo que ampliar a súa programación con máis sesións das que xa tiña programadas para as Tardes na Sala, ata o venres 12 de marzo de 2010. Todas as actividades de contacontos e teatro abertas ao público que se sumaron á programación con carácter gratuíto encheron a Sala de Exposicións nas novas funcións. A zona habilitada para nais e pais e espazos abertos para todos os públicos animados por contacontos durante as tardes fomentaron a maior afluencia de público xeral que levou á ampliación das “Tardes na Sala”. As instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra permaneceron abertas dende o domingo 7 de febreiro de 2010 ata o domingo 14 de marzo e tiñan espazos ambientado polo alumnado da Facultade de Belas Artes, exposicións de traballos escolares e ambientación xeral do Pazo da Cultura pola escola de tempo libre Paspallás. Tamén as exposicións sobre Agustín Fernández Paz, autor homenaxeado desta edición, e sobre as ilustracións de Xosé Cobas para O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. do Campo. Por eles pasaron 25.025 persoas no seu horario de visitas. A edición de 2010 tamén contou con espazos e actividades na Biblioteca Pública de Pontevedra, Casa das Campás, no centro cultural de Monteporreiro, na Galería Sargadelos e as sedes pontevedresas de Caixa Galicia e Caixanova. A asistencia a estas instalacións alcanzou 400 persoas.
A cidade como protagonista A selección da cidade como temática central desta edición tamén ofreceu grandes oportunidades de colaboración coas autoridades locais e de apertura ao coñecemento do patrimonio histórico e cultural de Pontevedra a través da realización de varios roteiros urbanos que ofreceron múltiples posibilidades aos centros educativos. 159 nenos e nenas tiveron a oportunidade de converterse en policías por un día e outros 150 rapaces e rapazas coñeceron de primeira man os camións e ferramentas que os bombeiros de Pontevedra utilizan para o salvamento e a loita contra incendios.
Colaboración cos centros escolares A participación dos centros educativos, procedentes da propia cidade e doutros puntos da provincia pontevedresa tamén contribuiu ao éxito desta edición. A exposición dos traballos realizados por alumnos e alumnas de 48 colexios permitiu crear unha gran mostra na que se presentaban todas as posibilidades e visións infantís sobre as cidades reais e as imaxinarias, as cidades vividas, as cidades próximas e as lonxanas e mesmo as cidades do futuro.
O 11º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abriu as súas portas a todos os centros educativos de Galicia e recibiu 75 visitas de colexios e institutos que sumaron unha asistencia de 2.304 nenos e nenas chegados de diferentes demarcacións galegas.
A organización dos eventos promovidos pola Concellaría de Cultura e o Pazo da Cultura de Pontevedra, considera esencial o papel que cumpriron os centros escolares para a realización das actividades concertadas e agradece especialmente a colaboración de: a Fundación Caixagalicia, a Asociación Sociopedagóxica Galega, a Asociación Galega de Editores, a Banda de Música de Pontevedra, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Virtual Galega, a Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil Galega (BLIX), o Centro Cultural de Monteporreiro, o Ciclo Superior de Educación Infantil do IES Xunqueira I, o Cine Clube de Pontevedra, Domingos do Principal, ETL Paspallás, Facultade de Belas Artes, Facultade de Ciencias da Educación, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fundación Caixanova, GÁLIX, IES Carlos Oroza, Museo de Pontevedra, ONCE, Policía Municipal de Pontevedra, os Bombeiros de Pontevedra, Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Casa das Campás, a Consellería de Cultura e Ensino e varias editoriais, librerías, colectivos e voluntariado.
© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra