O ‘Xogo do Solo’ achega a ciencia a tódolos públicos do Salón do Libro de Pontevedra cun taboleiro como o da oca

O ‘Xogo do Solo’ achega a ciencia a tódolos públicos do Salón do Libro de Pontevedra cun taboleiro como o da oca

venres, 06 de Marzo de 2015

“Los científicos pierden, perdemos, muchas veces la noción de la realidad y la conciencia de la importancia social de la investigación, que se mide por parámetros como su aplicación directa al día a día. Es fundamental que la sociedad sepa lo que hacemos y cómo lo hacemos”. O coordinador institucional do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, facía esta mañá unha defensa da achega do mundo da investigación aos públicos infantil e xuvenil na presentación do ‘Xogo do Solo’. Pardo de Guevara estivo acompañado pola responsable da Unidad de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Luisa Martínez, e os investigadores Serafín González, do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia, e Pedro Revilla, da Misión Biológica.

A rolda de prensa tivo lugar entre o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra, xa que o ‘Xogo do Solo’ é unha das iniciativas coas que o CSIC colabora co XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Tanto González como Revilla salientaron a importancia de coñecer a función do solo, unha peza fundamental para as plantas e os cultivos, así como para a biodiversidade en xeral. Nesta liña, formularon aos asistentes algunhas das preguntas que o taboleiro inclúe, como “Canto tempo tarda en formarse um centímetro de solo?” ou “Que pesan máis, os organismos que viven enriba do solo ou no solo?”.

O ‘Xogo do Solo’ naceu da man da delegación do CSIC en Galicia para conmemorar en 2015 o Ano Internacional dos Solos e sensibilizar do seu papel clave no mantemento da vida sobre a Terra. Para que este achegamento ao público familiar teña un carácter lúdico, está concebido como o tradicional xogo da oca a través dun taboleiro de 5x5 metros e 63 tarxetas con preguntas e respostas.

Como está pensado para grandes e pequenos, algunhas das cuestións inclúen diferentes niveis de dificultade, é o caso das relativas ás raíces das plantas ou das que se refiren aos efectos dos incendios sobre os bosques.

Como non podía ser doutro xeito, o primeiro en botar unha partida hoxe foi o lobo Orbil, mascota do Salón do Libro, que, axudado por Luisa Martínez, non se librou de caer “na caixa dunha investigadora, tira de novo sen demora!”.

 

Apertura do Recinto Feiral ao Salón

O ‘Xogo do Solo’ estará a disposición do público dende mañá sábado, data na que o Recinto Feiral se abre por primeira vez ao Salón do Libro. Ademais, o edificio anexo ao Pazo da Cultura acollerá ata o 28 de marzo obradoiros para nenos e os seus pais e dúas exposicións da Fundación Museo de la Ciencia de Valladolid: ‘Darwin VIVE. Un hombre tranquilo y su r-evolución’ e unha mostra sobre deporte e o corpo humano.

O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pódese visitar de luns a venres de 17 a 20.30 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. A programación completa pódese consultar na web www.salondolibro.org.