O 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acada na súa duodécima edición arredor de 30.000 asistentes

O 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acada na súa duodécima edición arredor de 30.000 asistentes

martes, 05 de Abril de 2011

Con actividades para todos os públicos que se estenderon ao longo de dous meses, consolídanse na programación as Tardes na Sala, os concertos para bebés e se valora moi positivamente o novedoso ciclo de teatro adulto.

Dous meses despois de que o 12º Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra botará a andar, o pasado domingo 3 de abril, chegou a súa clausura. Este ciclo que pretende fomentar a lectura e desenvolver a imaxinación, non só dos nenos, se prolonga cada vez máis e, como xa ocorrera na pasada edición, na que se ampliou a programación das Tardes na Sala, este ano a alta participación e afluencia de público, fixeron que as actividades se prorrogaran durante dúas semanas máis do previsto inicialmente.

Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, os contacontos, espectáculos de maxia, títeres, concertos e teatro das Tardes na Sala, dos que se fixeron arredor de 30 sesións, cobran cada vez máis peso. O Carballo con Botas de Papaventos, O galo Quirico de Títeres Seisdedos, os teatriños de Tarabelos, Pavís Pavós, Andrea Bayer, Celso Fernández, Antón Castro, Queliña e o Mago Cali, ademais dos Nenos Contadores foron os encargados de encher de historias a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura cada tarde ás 17:30 horas.

Nas obras de teatro infantis, entre ás que se atopaban diferentes tipos de espéctaculos, encontramos “Pinocho” de Siesta Teatro, “Frankenstein” de Ghazafelhos, “Pedro e o Lobo, Singular Version” de Tres Globos, “Concerto de Mentira” da Banda de Música de Pontevedra, “Paco Trolas”, o conto de OQO Editora escenificado por Andrea Bayer e musicalizado polo Seminario Permanente de Jazz e “Requetetrolas”, espectáculo inaugural desta edición pola Aula Folque Infantil, todas elas xirando entorno ao tema central do Salón A Mentira. Na ampliación, foron “Os Bolechas” de Caramuxo, os que agasallaron a fidelidade e entrega do público pontevedrés coa actuación especial fin de xira do seu espectáculo e a sinatura ilustrada de volumes da man do seu creador Pepe Carreiro. Na sesión familiar agasallóuse ademáis aos nenos participantes co libriño editado pola Concellaría de Normalización Lingúística, Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas.

Os concertos para bebés, cos que se experimentou por primeira vez na anterior edición, consolidaron desta volta o seu éxito. “Cando me crece o nariz” de Golfiños, o Circo “Nas nubes” de Almacabra e a actuación de Xabier Díaz e Guillerme Fernández e os seus “Arrolos de Salitre”, que foi broche de ouro na re-clausura o pasado domingo, conformaron a programación destinada a pequenos a partir de 0 anos.

No que a público adulto se refire, este ano tivo especial presenza no Salón grazas a creación do Ciclo de Teatro Xuvenil-Adulto. As exitosas Xornadas Excéntricas baixo a dirección de Quico Cadaval estiveron compostas polas representacións de “Shakespeare para Ignorantes” de Mofa e Befa e a triunfadora dos Premios María Casares, “Un Cranio furado”, no que se sumaban ao elenco Dorotea Barcena e Santi Romay fixeron gozar ao público.

Completaron esta programación “Alicia & Alicia” de A Produccións Artísticas, “Salomé” do Centro Dramático Galego e “Citizen 1ª parte”, que dirixida por Chévere e inspirada no Cidadán Kane, narraba os primeiros pasos dun galego do sector téxtil que chegou a ser unha personaxe dos máis ricos e influintes no século XX.

Os obradoiros de adultos que ofertaban arredor de 110 en prazas en total consistiron nesta edición en Maquillaxe e caracterización, Narrativa e Percepción visual. Os asistentes acadaron en varias sesións uns resultados máis que brillantes e una certificación da asistencia.

As conferencias de Quico Cadaval sobre “A mentira: modo de emprego” e os “Cocóns de nenos” da autora homenaxeada nesta edición do Salón Gloria Sánchez, acadaron grande número de público. Na homenaxe a esta autora participaron nenos do CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra, o grupo musical Mamá Cabra e os escritores infantís Miguel Anxo Vázquez Freire e a súa sobriña e poetisa Susana Sánchez.

Os ensaios abertos ao público da Orquestra de Cámara de Lira, xunto coa presentación do conto musicalizado de Susa Herrera “Animáis encantadores” e os roteiros “Desmentindo a cidade” completaron a programación.

No que a exposicións se refire, a Galería Sargadelos acolleu a obra de The Green Family “Nunca tal cousa vira”, que xogaba coa percepción visual e as realidades inventadas, mentres que no Pazo da Cultura se emprazaron a adicada a Gloria Sánchez, “Miroscopio” da Asociación de Filosofía para nenos e nenas de Galicia e a exposición do 12º Salón do Libro que, decorada por Paspallás e rapaces do bacharelato artístico, acollía tamén os traballos dos centros escolares da provincia, seguindo a temática do Salón deste ano e como noutros lle foi agradecido con obradoiros, contacontos e visitas guiadas.

Un dos feitos máis destacables e exitosos fora do programa inicial foi a emisión dende o Salón do Libro, do programa de radio da Cadena SER “La ventana”, que xuntando na mesma mesa a Boris Izaguirre, Gemma Nierga, o noso Alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura Lola Dopico e os escritores homenaxeados noutras edicións do Salón Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz, logrou atraer ao Salón unha grande diversidade de novo público que contribuiu a difusión deste evento a nivel nacional.

En total, foron arredor de 30.000 persoas,incluíndo centros de ensino de toda a nosa comunidade autónomo, as que participaron e gozaron das actividades do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil, dos seus contacontos, teatros, obradoiros, roteiros e actuacións musicais, tanto concertadas con centros escolares coma destinadas ao público en xeral, facendo que un ano máis as expectativas se sobrepasaran. A todos eles, alumnos, mestres, nenos e pais, escritores, editoriais, compañías de teatro, contacontos, á organización e aos medios de comunicación, querémoslles dar as grazas pola súa fidelidade e participación activa que fixeron posible una edicion máis e aos que agardamos ver nos seguintes anos.

Departamento de Prensa do Salón do Libro