O ciclo de teatro para adultos do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil continúa mañá 22 de febreiro coa representación teatral de “Salomé” do Centro Dramático Galego ás 21:00 horas no Teatro Principal

O ciclo de teatro para adultos do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil continúa mañá 22 de febreiro coa representación teatral de “Salomé” do Centro Dramático Galego ás 21:00 horas no Teatro Principal

luns, 21 de Febreiro de 2011

Pontevedra, 21 de febreiro de 2011.- Centro Dramático Galego: “Salomé”: Nun país mítico, Galilea, o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario nos xardíns do pazo presidencial cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía, un acto político que acapara a atención dos medios de comunicación pola inminencia dunha nova cita electoral. Pero o profeta popular Lokanaán, sometido a prisión polo tetrarca non se farta de proclamar a corrupción e inmoralidade que envolve a gobernanza de Herodes. Estes berros atraen a atención de Salomé, moza de beleza virxinal fillastra de Herodes, que se encapricha de Lokanaán desatando unha sanguenta traxedia que encherá o banquete presidencial de morte e depravación.

A compañía pública Centro Dramático Galego representa esta obra de Óscar Wilde baixo a dirección de Carlos Santiago, quen, vinculado á xeración de lúcidos activistas culturais que xurdiron arredor da Sala Nasa de Compostela, representa unha aposta pola renovación escénica e destaca sobre todo por un humor de raíz corrosiva.

Venda anticipada de entradas en servinova.com ou no 902 504 500 a un prezo de 5,00€ (3,00€ menores, parados e pensionistas). O mesmo día do espectáculo unha hora antes na billeteira do Teatro Principal.

As actividades previstas na programación do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra desenvolveranse do 6 de febreiro ata o sábado 19 de marzo de 2011. Pode consultar más información en www.salondolibro.org.

Agradecemos a súa difusión.

DEPARTAMENTO DE PRENSA DO SALÓN DO LIBRO