O espectáculo ‘Desenchufad@s’ da Aula Folque Infantil inaugura o XIV Salón do Libro “A toda máquina!” coa presenza do Alcalde Miguel Anxo Fernández, a concelleira de Cultura Anxos Riveiro, a autora homenaxeada Marilar Aleixandre e a ilustradora Almudena

O espectáculo ‘Desenchufad@s’ da Aula Folque Infantil inaugura o XIV Salón do Libro “A toda máquina!” coa presenza do Alcalde Miguel Anxo Fernández, a concelleira de Cultura Anxos Riveiro, a autora homenaxeada Marilar Aleixandre e a ilustradora Almudena

sábado, 02 de Marzo de 2013


Ao acto inaugural que continuou coa apertura da Sala de Exposicións e os contacontos de Pavís Pavós, asistiu numeroso público entre o que se atopaba uhna representación do Brea Segade de Taragoña, centro invitado nesta edición.

 

PONTEVEDRA. 2 marzo de 2013.- O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, inauguraron esta mañá o XIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, “A toda máquina”, que permanecerá aberto ao público ata o 23 de marzo.

O espectáculo da Aula Folque Infantil "Desenchufad@s", soprendeu un ano máis pola súa frescura e crítica cómica da sociedade actual que vive permanente conectada. Xogando con esta temática, arrastraron ao escenario ao Alcalde, Miguel Anxo Fernández, cun enchufe no peito e á concelleira de Cultura Anxos Riveiro coa testa metida dentro dun televisor. Broma que deu paso a sendos e serios discursos onde Lores falou das máquinas de facer o ben, e da xente que maquina para facer o mal, e onde houbo, por parte de ambos, palabras de agradecemento o todos/as os que traballan para que a maquinaria do Salón funcione cada ano e especialmente a Marilar Aleixandre e Almudena Aparicio, presentes na sala.

Unha vez rematado o espectáculo os asistentes desprazáronse ata a Sala de Exposicións que este ano acolle o afiador, a roda de Leonardo e a Garlopa cedidas polo CIFP A Xunqueira, a obra da Escola de Canteiros `Máquina traviesa´, ‘Parafusos, alambiques e birleques’ da AGPI,  o espazo adicado a Marilar Aleixandre e a esposición “Evolution”, composta por diferentes máquinas antigas cedidas por particulares que na actualidade se atopan concentradas na figura dun Smartphone. Como ven sendo habitual,a ambientación xeral da Sala é una mostra do bo gusto e traballo da Escola de Tempo Libre Paspallás e do esforzo e creatividade do alumnado dos centros escolares e os seus mestres que este ano, ademáis de dos libros e traballos tridimensionais, fixeron debuxos que atoparedes formando parte do espazo “Debuxando máquinas”. O Zeppelin e o traballo de ambientación da entrada, é mérito do alumnado do Mestrado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

 

Foron moitas as persoas que gozaron dos espazos destinados aos libreiros, as zonas de lectura e todos os recunchos da Sala de Exposicións, algún deles ocupados polos, sempre exitosos contacontos de Pavís Pavós, onde os nenos facían cola para entrar.

As máis de 100 actividades das que poderán gozar ao longo das 3 semanas de duración do Salón, comezan esta tarde con “Burro- Máquina”, “O Trenciño Rebuldeiro” e “A Cidade de Cenoiro”.

Lembrámoslles que as Exposicións do Salón do Libro, ubicadas no Pazo da Cultura, pódense visitar de luns a venres de 17:00 horas a 20:30 horas. Os sábados e os domingos permanecerán abertas entre as 11:00 horas e as 14:00 horas e tamén polas tardes no horario xa citado.

Podedes atopar máis información e fotografías tanto na web www.salondolibro.org, coma en Facebook http://on.fb.me/VVGPWB e Twitter @SalondoLibro.

 

Agradecemos a súa difusión,                                            

Departamento de Prensa do Salón do Libro.