O Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e o Salón do Libro de Pontevedra traballan xuntos por primeira vez

O Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e o Salón do Libro de Pontevedra traballan xuntos por primeira vez

xoves, 12 de Febreiro de 2015

O MUNCYT propón aos estudantes un concurso no que poderán suxerir inventos baseados nas súas novelas favoritas  

 

PONTEVEDRA, 12 de febreiro de 2015.-  O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra contará, entre outras, cunha colaboración de luxo: a do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT), que ten na cidade da Coruña unha das súas sedes. Este traballo conxunto xurde a raíz da temática deste ano da cita coa lectura, ‘Da ciencia á ficción’, que relaciona estas dúas áreas co mundo da literatura.

O museo coruñés, de titularidade estatal, convida aos estudantes de 6 a 18 anos a escribir sobre as ideas de orixinais inventos que se lles puideran ter ocorrido durante ou despois da lectura dunha novela. O obxectivo é visualizar “como as novelas nos devolven á infancia; a imaxinar”, explican dende o centro.

Tomando como exemplo a traxectoria do palentino Adrián Álvarez (1884-1950) -que despois de ler a Julio Verne construiu na súa casa un tanque submarino cun dispositivo para a rexeneración de aire no seu interior- os estudantes poderán resumir nun relato dun máximo de 1.100 palabras como sería o invento perfecto e a súa utilidade na vida real.

“Valorarase tanto a orixinalidade do invento como a forma ou o estilo do relato”, informan dende o departamento de actividades do MUNCYT na Coruña, que aclara que á hora de elexir ao gañador se terán en conta factores como a idade ou o esforzo aplicado. Aínda que o protagonista será só un estudante, o premio será colectivo e consistirá nunha viaxe á cidade herculina acompañado dos seus compañeiros de clase para pasar o día no museo de ciencia e tecnoloxía e gozar dunha visita guiada.

“No museo, que é de entrada gratuita para todo o mundo, poderán estudar o pasado para entender o presente e o futuro. É unha visita moi participativa na que se adquiren uns coñecementos que despois poden aplicar na clase ou na casa”, din fontes do MUNCYT.

Os orixinais deberanse enviar durante o tempo que se desenvolverá o Salón do Libro, entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo, ao correo electrónico salondolibro@salondolibro.org, indicando o nome do alumno e o centro de estudos ao que pertence e poñendo no asunto ‘Concurso de relatos do Muncyt’. O museo porá a disposición do público as bases completas unha vez inaugurado o salón.

Labirintos tecno-lóxicos

Ademais de con este orixinal concurso de relatos, o centro científico participará no Salón do Libro cunha actividade que fará as delicias de grandes e pequenos: os coñecidos como ‘labirintos tecno-lóxicos’.

Consisten nun circuito de labirintos de tamaño real que se poderán percorrer buscando o camiño correcto a través da lóxica científico-tecnolóxica. Os seus títulos son ‘Figuras xeométricas’ (para os máis pequenos), ‘Fibonacci’ e Li-Te-Ra-Th-Os’. Os labirintos terán distintos niveis de dificultade para que podan participar todos os públicos aprendendo ciencia xogando.