O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas de par en par á ciencia e á ficción

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas de par en par á ciencia e á ficción

venres, 27 de Febreiro de 2015

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra quedou esta tarde oficialmente inaugurado no Pazo da Cultura cun acto no que participaron nenos e nenas do CEIP San Martiño e estudantes do IES A Xunqueira I. O evento estivo conducido pola actriz e narradora Bea Campos e contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.

Os alumnos da Xunqueira fixeron referencia a H.G. Wells e á súa obra ‘O home invisible’ e demostraron en directo como un obxecto pode deixar de verse coa simple colocación de lentes sucesivas, “creando un punto cego”.

O intre máis tenro viviuse cando interviron os pequenos do San Martiño, que narraron entre todos o conto do peixe Piolet.

No seu discuro, Lores definiu ao Salón como “unha cita agarimosa e feiticeira”, “todo un xeito de estimularnos de cara á literatura, a música, a ilustración e ao libro”. Nesta liña, aludiu ao título deste ano, ‘Da ciencia á ficción’, para asegurar que “hai quince anos, cando empezamos a darlle a Pontevedra o carácter que hoxe ten, creeríamos que era ciencia ficción chegar onde chegamos, a propósito do Premio da ONU Hábitat que hai uns días recollemos en Dubai, e do que o Salón do Libro tamén forma parte, por ser unha das principais citas culturais que fan de Pontevedra un referente de cidade urbana”.

Pola súa banda, Riveiro salientou que “a cultura e os libros son uns medios fundamentais para a formación individual e comunitaria, para a dinamización e transformación da sociedade e para a mellora e progresos colectivos”. “Gozade da leitura e gozade do Salón do Libro”, rematou.

 

 

A XVI edición da cita coa lectura máis importante de Galicia ten por lema ‘Da ciencia á ficción’, unha temática que se pode apreciar de xeito evidente na súa montaxe, realizada, un ano máis, pola Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás.

Os nenos do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro foron os primeiros en visitar o Salón pola mañá, antes do acto inaugural. Os pequenos participaron nun obradoiro e despois foron guiados polas instalacións.

O Salón do Libro 2015, que estará aberto ata o 28 de marzo, conduce aos visitantes a través dun tunel de cor rosa cara un espazo de ensoño no que os protagonistas son personaxes da ciencia e da ficción. Así, a primeira proba á que se teñen que enfrontar pequenos e maiores é ordear o conto ‘O galo Kiriko’ a través da ‘Ciencia da dedución’ animados pola pregunta “Serías capaz de contar un conto empezando polo final de forma lóxica?”.

De aí pásase a unha espectacular exposición de Rosana Largo Rodríguez con estruturas de seis contos clásicos: ‘Pinocho’, ‘Carapuchiña Vermella’, ‘O mago de Oz’, ‘Os tres porquiños’, ‘Alicia no país das marabillas’ e ‘As viaxes de Gulliver’.

Como cada ano, o Salón do Libro conta cunha zona de biblioteca, na que entre coxíns e bancos os nenos poden gozar de novidades editoriais e dos contos de toda a vida. Xusto enfrente a ela atópanse dous dos espazos máis divertidos, o de espellos e moqueta no chan: ‘Crea o teu escenario espacial e xoga co teu clon’, e o de ingravidez no laboratorio, que leva aos pequenos a deseñar o seu propio marciano e a escoller o seu nome na táboa periódica dos elementos.

A mostra de traballos dos colexios participantes deste ano, 40, ocupa un dos lugares privilexiados do Pazo da Cultura. Presididas polo Premio do Público 2014, que recaeu no CEIP Carballal, as aportacións dos nenos recrean mundos marabillosos nos que abundan os extraterrestres, os ovnis, seres fantásticos e personaxes de ficción coma o home invisible ou o mesmo R2D2. No medio e medio, unha das sorpresas deste ano: un prato voante en pleno despegue cara o teito do Pazo da Cultura.

 

 

Pero o Salón do Libro tamén é unha cita perfecta para aprender, de aí que, entre outras, haxa unha parede na que se poden ver constelacións ou outra adicada á exposición de imaxes, ‘Investigarte’, da Fundación Barrié, a USC, UDC e IDIS.

A coñecida como sala de merendas, con vistas ao espazo exterior, completa a instalación no Pazo da Cultura, que se verá complementada a partir do 7 de marzo con exposicións e xogos no Recinto Feiral.

A actuación da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, consistente nunha narración con música e coro do conto de ‘Peter Pan’, precedeu á inauguración oficial do Salón do Libro, que tamén contou hoxe con dúas sesións de contacontos: ‘Contos na terceira fase’, con Pavís Pavós, e ‘O planeta dos contos’, con Bea Campos e Davide González.

 

Programación da fin de semana

A de mañá e o domingo será a primeira fin de semana do Salón, que contará con numerosas actividades de entrada libre, como o espectáculo ‘A maxia da química’, con Constantino Álvarez e Elena López, e os contacontos ‘Entre planetas’ con Raquel Queizás, ‘Dalle voltas, Da Vinci!’ con Brais das Ortas e ‘Contacontos con Julio Verne’ con Manuel Vicente e César Goldi.

De balde serán tamén os obradoiros, aínda que é preciso facer unha inscrición previa, xa que teñen prazas limitadas. Trátase do taller de Arenoglifos do CSIC; ‘Píntame un conto (de ciencia-ficción)’, ‘You CAN: aprender inglés non é unha LATA’, ‘Somos casi cyborgs’, ‘Xogando coas mates’, ‘Catálogo de máquinas imaxinarias’, ‘Os efectos moi especiais’ e o ‘Obradoiro de narrativa dixital’. Os interesados pódense anotar nos puntos de información do Salón do Libro no horario de apertura ao público. Cubriranse as prazas de todos os obradoiros deste ano segundo a orde de chegada.

Para ‘Catro tempos’, de Teatro do Miolo, en catro sesións o domingo, si que será precisa a compra de entradas -a 3 euros-, dende unha hora antes no Pazo da Cultura. As prazas, neste caso, tamén son limitadas, 30 bebés e acompañantes.

 

 

Destinada ao público adulto, será a presentación da obra gañadora do Premio Lazarillo 2014, ‘O meu pesadelo favorito’, de María Solar. Ademais da autora, intervirán o editor Francisco Castro e a crítica literaria Malores Villanueva. Terá lugar mañá sábado ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo.

Paralelamente a esta oferta, xa está aberta ao público a mostra de ilustracións de Mafalda Milhões para a publicación ‘Maruxa’, de OQO, na Biblioteca Pública de Pontevedra, que tamén se pode visitar en sábado.

A programación completa do XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano ofrece máis de 300 actividades, pódese consultar na web www.salondolibro.org.