O Salón do Libro levanta áncoras

O Salón do Libro levanta áncoras

domingo, 27 de Xaneiro de 2008

O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra convertiuse na cuberta dun barco para inaugurar por todo o alto a nova travesía do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a novena xa na súa historia, guiada agora pola rosa dos ventos, as ondas do mar e as plumas dos inventores de historias.

A Aula de Teatro Municipal, dirixida por Anxo Lourido, artellou un espectáculo de piratas, mariñeiros, grumetes e tripulacións na busca de océanos de literatura. A lectura de versos mariños por parte de alumnos da EEI Verducido, o CEIP A Xunqueira II e do CEIP Parada de Campañó alternou coas intervencións, na mesma clave poética, de representantes de diversos colectivos sociais e profesionais da cidade, como a editora Iria Lago, de Toxosoutos; a secretaria da Asociación pola Defensa da Ría, María Peón; e a coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, Helena Torres. As presenzas institucionais da alcaldesa de Pontevedra en funcións, Teresa Casal, e do director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, pecharon o acto para declararen aberto o Salón de xeito oficial. Luís Bará puxo ao Salón como exemplo de “proxeto dunha cidade que cre en si mesma e que pon a cultura en valor para o futuro” e salientou, asemade, o bo facer das editoriais asentadas na cidade e que colleitan recoñecementos de sona internacional. Por último, Teresa Casal referiuse ao evento como “cita plenamente consolidada que sitúa a Pontevedra na centralidade cultural de Galicia e de España”. A alcaldesa de Pontevedra en funcións subliñou o acerto na escolla do mar como tema do Salón porque, dixo, “Galicia é verde e azul, terra de bosques verdes e de océanos”.

Axiña se abriron as portas da Sala de Exposición para acoller aos primeiros visitantes, saudados polos contos de Pavís-Pavós, Raquel e Golfiños no marco excepcional deseñado para eles polos alumnos de Bacharelato Artístico do IES A Xunqueira I, a facultade de Belas Artes, a Escola de Canteiros e os grupos creativos Paspallás e QuartoEscuro. Pola tarde, o pintor Antón Sobral puxo en marcha un obradoiro de pintura para familias que deu como resultado a confección dun mural coas variadas cores do mar. Outros optaron por gozaren da función dos cacereños Karlik Danza con Niña Frida, no Teatro Principal, mentres que os que quedaron no Pazo da Cultura asistiron a un concerto da Orquestra de Cámara Lira.

O Salón do mar que mira xa cara á illa de Cuba e que rende homenaxe ao escritor chairego Xabier Puente DoCampo a través dunha exposición que repasa a súa biografía persoal e literaria, ten por diante unha semana intensa inzada de actividades para público de todas as idades. As habituais visitas de escolares, en horario de mañá, volverán ser agasalladas con contos, teatro, música e obradoiros, entre os que salientan, por novidosos, os de curtas con móbil, danza e poesía. Podemos manifestar con moita ledicia, que medra o número de escolares que queren participar no Salón. De entrada, este ano virán desde 43 centros de ensino (10 máis có ano pasado) e de 9 institutos (foron 6 en 2007), que foron os que colaboraron, cos seus traballos de clase, na gran mostra de creacións de escolares que é a fachenda do Salón (Aulas a mares, na Sala de Exposicións). Con todo, de seguro que a cifra crecerá de xeito espectacular, posto que as visitas ampliaranse ata o vindeiro 16 de marzo.

Aumenta tamén a oferta para os adultos que, previa inscrición, poden asistir a aulas de literatura coa especialista cubana Luisa Campuzano, autores galegos como Xosé Miranda e Yolanda Castaño, coñecer as fórmulas máxicas da animación á lectura con Rodorín, así como animar ao baile e ao debuxo na escola con Mercedes Prieto e Gabriela Rubio, con senllos obradoiros. Para todos os pais e nais que así o escollan, volvemos poñer en marcha un servizo de canguros durante as horas dos obradoiros, a nosa concorrida Ludoteca viaxeira na que o tempo pasa voando.

Cuba protagonizará unha das conferencias, na que tomarán a palabra as investigadoras Susana Haug e María Elena Cicard e, dentro do ciclo de mesas redondas, asistiremos á reivindicación emocionada da figura de Juan Farias polos seus amigos e colegas Xabier Puente DoCampo, Paco Martín, Antonio Ventura e Xavier Senín. Nesta altura, podemos confirmar, con grande satisfacción, que o escritor ferrolano xa manifestou o seu desexo de estar presente para a ocasión, o vindeiro venres 1 de febreiro. No tocante á programación infantil en horario de tarde, teremos teatro a cotío, dúas divertidas sesións de “Nenos contadores de historias”, que tanto éxito colleitan a cada volta, haberá tamén sesións de plastilina, ilustración e, como novidade, grafitti todas as tardes durante esta semana. A nosa banda sonora virá da man dos rapeiros Os Trasnos de Moscoso, da Banda de Música de Pontevedra, da presentación do Conxunto Monterrei (unha recreación nostálxica do quinteto homónimo formado por galegos da emigración en Cuba a principios do século XX) e de tres grandes artistas galegos (Ugía Pedreira, Guillerme Fernández e Xabier Díaz) transmutados en criaturas mariñas: Os tres peixes. Antes do seu concerto na clausura do vindeiro sábado, 2 de febreiro, o trío amenizará unha das noites no pub La Cabaña, por onde desfilarán cómicos e músicos ao peche da xornada de martes a venres.

A piques de facer unha década servindo de estímulo á aventura de ler para pequenos e grandes, o Salón do Libro de Pontevedra segue ampliando horizontes. O Teatro Principal acolle todos os xoves (24 xaneiro-28 febreiro) unha variada mostra audiovisual con proxecións de clásicos e estreas de actualidade galegas e internacionais que será complementada con mesas redondas. Dado que estamos na “semana grande” do Salón, a cita esta semana cambia de día e de ubicación: será mañá luns no Pazo da Cultura. Mantense, asemade, a aposta pola diversificación de espazos, con senllas exposicións na Biblioteca Pública (A biblioteca imaxinaria de Munich) e na Galería Sargadelos (Amar a mar, de Antón Sobral). No Pazo da Cultura xa están abertas as mostras de ilustradores galegos e cubanos, os traballos dos estudantes e unha miscelánea de tesouros mariños, así como unha panorámica do álbum ilustrado da última década en Galicia promovida pola asociación cultural pontevedresa Máislibros. O ano pasado visitáronnos 20.000 persoas, o que pretendemos agora é, alomenos, que regresen.

LUNS, 28 XANEIRO

ACTIVIDADES PARA COLEXIOS

Pola mañá, concertadas cos centros. Esta mañá visítannos CEIP de Sequelo-Marín, CEIP de Vilaverde-Mourente, CEIP Froebel, CEIP de Seixo-Marín, CEP de Riomaior, CEIP A Carballeira, CPI de Mosteiro-Meis)

  • Obradoiros de poesía, ilustración, música, medio ambiente, curtas con móbil e danza.
  • Contos con Pavís-Pavós, Raquel, Andrea Bayer e Galitoon. 11.30 h, teatro Los domingos no hay piratas, de Markeliñe. Función para CEIP San Martiño, CEIP Vilaverde-Mourente, CEIP Parada-Campañó, CEP Marcos da Portela, CPR Los Sauces, CEIP Campolongo, CPR Xoán XXIII)

OBRADOIROS PARA ADULTOS (pola tarde, previa inscrición)

Literatura con Xosé Miranda, animación á lectura con Rodorín, danza con Mercedes Prieto e ilustración con Gabriela Rubio.

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO

  • 16.30 h, proxeción de Soños dende o abismo, de Sandra Sánchez
  • 17.00 h, obradoiro de grafitti con Ras
  • 17.30 h, clase maxistral de ilustración con Miguelanxo Prado
  • 17.30 h, clase maxistral de música con Nani García
  • 17.30 h, “Nenos contadores de historias” (alumnos de educación primaria de varios centros escolares) e actuación da Banda de Música de Pontevedra
  • 19.30 h, conferencia Debuxos e harmonías: unha viaxe ao fondo do mar. Interveñen Miguelanxo Prado e Nani García, presentan Ánxel Huete e Alberto Vilas
  • 20.00 h, proxeción De profundis, de Miguelanxo Prado