O Salón do Libro pon á venda as localidades dos seus espectáculos con entrada anticipada

O Salón do Libro pon á venda as localidades dos seus espectáculos con entrada anticipada

martes, 24 de Febreiro de 2015

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra vén de poñer á venda as localidades dos seus espectáculos con entrada anticipada.

Na páxina web www.servinova.com e no teléfono 902 504 500 pódense mercar as entradas para asistir a ‘A pel da auga’, de Pep Bou (6 de marzo); ‘Berços de electrónica’, de Paulo Lameiro (15 de marzo); ‘Star Trip’, de Yllana (22 de marzo), e ‘Pan! Pan!’, da Panadaría (27 de marzo). O prezo é único e de 3 euros.

A XVI edición do Salón do Libro ofrece máis de 300 actividades de teatro, música, danza, contacontos, cine e exposicións, entre outras, que na súa maioría son con entrada de balde. Entre os que son de pago, moitos deles porán a disposición do público as súas entradas dende unha hora antes do inicio do espectáculo. Sen embargo, ‘A pel da auga’, ‘Berços de electrónica’, ‘Star Trip’ e ‘Pan! Pan!’, ao ser de venda anticipada, só o farán no caso de sobrar localidades na internet ou na billeteira telefónica.

Con ‘A pel da auga’, Pep Bou, un mimo recoñecido internacionalmente, ofrece un espectáculo adaptado especialmente para o Salón do Libro e no que as pompas de xabón comparten protagonismo con elementos innovadores e moita luz. Está pensado para nenos a partir dos 4 anos.

Paulo Lameiro aproveita a cita coa lectura en Pontevedra para estrear o seu novo espectáculo, ‘Berços de electrónica’, un concerto para bebés no que o principal instrumento é un ordenador. Trátase dunha búsqueda de novos sons a partir de música de compositores clásicos.

‘Star Trip’ é o título da nova peza de Yllana, unha peza adecuada para público a partir dos 8 anos. Co seu habitual humor negro, a súa linguaxe universal e sen palabras, a obra introduce aos asistentes no mundo da ciencia ficción e do espazo.

Pola súa banda, ‘Pan! Pan!’, da Panadaría, recomendada a partir dos 10 anos, é unha parodia dos ‘westerns’ americanos e con música vocal en directo. Como nunha película do Far West, haberá whisky, balas e amor e vinganza a partes iguais.

 

Pedro Volta e Domingos do Principal

Ademais destes catro espectáculos, a programación do Salón do Libro incorpora o show de maxia familiar ‘Ilusionante’, do mago pontevedrés Pedro Volta, que fará viaxar o 28 de febreiro aos espectadores aos soños máxicos da infancia. As entradas neste caso son a partir dos 6 euros.

Tamén forman parte do programa desta edición as derradeiras funcións de Domingos do Principal (1 de marzo), coa obra ‘Pulgarcito’, da compañía vasca Teatro Paraíso, unha versión moderna do conto clásico. As localidades son a 4 euros.