O XIII 12+1 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra contou na súa primeira semana con arredor de 8.000 asistentes.

O XIII 12+1 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra contou na súa primeira semana con arredor de 8.000 asistentes.

luns, 12 de Marzo de 2012

Pese aos recortes no número de sesións das funcións teatrais concertadas con centros escolares, o Salón acada cifras de asistencia próximas as do ano pasado.

 

PONTEVEDRA, 12 de marzo de 2012.-  Dende que botara a andar o pasado domingo 4 de marzo, foron xá algo mais de 8.000 os rapaces e adultos que participaron das múltiples actividades do Salón. Aínda que é difícil contabilizar o número exacto, xa que varias accións tiveron lugar na rúa, os datos en poder da organización deixan patente o éxito de asistencia.

Pólas Tardes na Sala pasaron xá Os Bolechas (que volverán o 19), As misteriosas Cartas de Kafka, Buqueiras Novo e  A Maxia e a menciña popular . Foron 3 as representacións teatrais: dúas de público infantil Kafka e a boneca viaxeira  de EME2 e Merlin de Os Quinquilláns, e Os Menciñeiros de Volta e dalle para público xuvenil e adulto. Todas elas en aberto para público familiar e tamén concertadas con centros escolares.

As numerosas presentacións de libros, os colóquios, os obradoiros de maquillaxe de Troula e Receitas Máxicas de Ouvirmos, así coma os de contacontos, amuletos, etc en horário matinal para colexios, completaron a programación da pasada semana.

No nos esquecemos dos exitosos pasarrúas “13” de Troula e Os Bolechas, así coma das numerosas exposicións que acolle este ano a Sala do Pazo de Cultura: A Santa Compaña da Escola de Canteiros, o espazo adicado a Paco Martín, as ilustracións da AGPI, as Pezas Defensivas de Sargadelos, o carro de Buqueiras Novo e os traballos realizados pólos coles, que recibiron numerosas visitas.

A semana entrante, comeza hoxe á súa programación ás 17:00 horas nas Tardes na Sala, da man dos Animais Encantadores de Susa Herrera. Un concerto didáctico e interactivo onde as personaxes dos libros da autora son tamén os protagonistas das aventuras narradas nas cantigas. As 19:30 horas, e coa participación de Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa asistiremos ao colóquio sobre  Lugares Máxicos, que estará moderado por Calros Solla e falará tamén dos lugares máxicos da nosa cidade.

Nos seguintes días, a representación de Máximo Toxo (3,00 euros), a contada de Quico Cadaval na Sala Karma (5,00 euros), o teatro para adultos Pelos na Língua (8,00/5,00 euros) completarán a programación das Tardes na Sala.

Porán a música e a nota distintiva os espectáculos musicais inéditos creados en exclusividade para o Salón do Libro: O xoves día 15 “O parrulo feo”  recomendado a partir de 4 anos, chegará ao Teatro Principal da man da Banda de Música de Pontevedra e os contacontos e Pavís Pavós que porán música e voz, respectivamente a este conto tradicional que ninguén se pode perder (3,00 euros).

O venres 16 será a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, acompañada de Pavís Pavós e a Escola de Danza Druída os que darán vida ás personaxes dos contos “A bela adormecida” e “O Quebranoces” no Auditorio do Pazo da Cultura. Un espectáculo do máis completo que contará con música, danza e narración para facer as delicias dos rapaces a partir de 5 anos (3,00 euros).

Ao chegar a fin de semana, tocaralle o turno ao concerto para bebés “Sorte Sortiña” de Golfiños, os xogos tradicionais e o Torneo de Billarda no Recinto Feiral.

Do mesmo xeito, lembrámoslles que as Exposicións do Salón doLibro, ubicadas no Pazo da Cultura, pódense visitar de luns a venres de 16:30 horas a 21:00 horas. Os sábados permanecerán abertas entre as 11:00 horas e as 14:00 horas e tamén polas tardes no horario xa citado. Os domingos e festivos só abrirán as súas portas en horario matinal.

As actividades previstas na programación do 12+1 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra desenvolveranse entre o 4 e o 31 de marzo de 2012. Pode consultar más información en www.salondolibro.org, Facebook e Twitter.

 

Agradecemos a súa difusión,

DEPARTAMENTO DE PRENSA E COMUNICACIÓN