Palabras para Juan Farias e moita música en Pontevedra. A homenaxe ao escritor Xabier Puente DoCampo clausurará mañá a “semana grande” do Salón do Libro

Palabras para Juan Farias e moita música en Pontevedra. A homenaxe ao escritor Xabier Puente DoCampo clausurará mañá a “semana grande” do Salón do Libro

venres, 01 de Febreiro de 2008

Pontevedra, 1 de febreiro de 2008 A penúltima xornada do Salón do Libro Infantil e Xuvenil lembrou a figura do escritor ferrolano Juan Farias a través das intervencións de catro persoeiros da literatura, o editor Antonio Ventura (sobre a súa escrita) e os escritores Xabier Puente DoCampo (o mar na obra de Farias), Xavier Senín (Galicia na obra de Farias) e Paco Martín (semblanza do home e do amigo), que abordaron desde diferentes ámbitos a obra e a personalidade artística deste autor. Aínda que a súa producción literaria sempre foi escrita en castelán, a crítica considera a súa obra como fondamente galega, sobre todo en títulos como El último guardián, Ismael fue marinero, Ronda de suspiros, El paso de los días, entre outros. De feito, o mar de Galicia é unha das súas constantes temáticas. A mesa redonda, que foi presentada pola coordinadora do Salón do Libro, Helena Torres, contou coa presenza do escritor. A pesar da súa idade avanzada e da súa saúde cativa, Farias viaxou desde Madrid, cidade na que reside desde hai décadas, ata o Salón. A segunda mesa redonda do día tivo como protagonista ao álbum ilustrado, coas intervencións de Antonio Ventura, de novo, acompañado pola investigadora Teresa Durán e o escritor e crítico literario galego Miguel Vázquez Freire. Dunha banda, Teresa Durán, baixo o epígrafe “Efectos y Afectos Derivados de la Lectura Visual del Álbum”, reflexionou sobre a habitual dicotomía entre texto e imaxe coa que normalmente nos aproximamos ao que sería un álbum e á fenomenoloxía da súa recepción lectora, pero doutra, ademais propuxo enfocar o potencial do álbum e as súas variantes dramáticas, teatrais, de representación da realidade, e todo a partir de volumes que pretenden canalizar coñecementos básicos. O director de Anaya Infantil e Xuvenil, Antonio Ventura, ofreceu unha breve panorámica do xénero nos últimos 30 anos en España co título “El álbum ilustrado: un género intermitente no homologado”. Abordou os distintos momentos de publicación e as diferentes xeracións de creadores que configuraron un territorio no que máis se evidencia a distancia fronte a outros estados e tamén valorou a aportación dos pequenos selos editoriais que irrompen neste mercado ao panorama actual. En canto a Miguel Vázquez Freire, este autor galego bosquexou unha definición do que cómpre entender por “álbum ilustrado” para pasar a explicar as razóns polas que se trata dun xénero pouco frecuentado polas editoriais galegas nun principio ata os cambios promovidos apenas no último decenio a partir das iniciativas de novas editoriais. O relator analizou o traballo específico dos ilustradores, situándose na controversia sobre a existencia ou non dunha “ilustración galega”, revisando as teses de Castelao e Seoane. Tamén analizou algunhas das obras representativas das tendencias observables nos álbumes galegos, aplicando unha proposta interpretativa e crítica. A sesión da tarde foi trepidante. Ademais de clausurarse os obradoiros de adultos que se celebraron en horario de tarde durante os días pasados, houbo teatro para bebés, unha nova oportunidade para gozar dos contos dos estudantes de secundaria, que estiveron acompañados pola música do Conservatorio de Música de Pontevedra. Foi unha xornada moi musical. Ademais da verbena cubano-galega armada polo Conxunto Monterrei e o concerto dos Trasnos de Moscoso no Recinto Feiral como peche do obradoiro de graffiti, Os tres peixes levaron as súas versións acústicas de clásicos de todos os tempos ao pub La Cabaña, na derradeira xeira deste ciclo nocturno na zona vella da cidade. A realización en directo do programa da Radio Galega O tren do serán, que dirixe e presenta Cristina Lombao foi outro dos atractivos desta xornada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Polos micrófonos do estudo que emprazaron na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, pasaron convidados como Xabier Puente DoCampo, a coordinadora do Salón, Helena Torres, e participantes nos obradoiros como o escritor de graffiti Ras, a bailarina Mercedes Prieto e a ilustradora Gabriela Rubio. Este venres o Salón despediuse das actividades abertas ao público, aínda que seguirá recibindo as visitas dos escolares durante as mañás ata mediados de marzo. Nese tempo, o público pode seguir gozando das exposicións do Salón en horario de tarde. Aínda mañá sábado, o Salón ofrecerá aos seus visitantes a función de Teatroparacontar e a súa versión de Robinson Crusoe, no Auditorio do Pazo da Cultura. E xa ás 13.15 horas, no Salón de Actos, celebraremos o acto de despedida simbólica deste IX Salón do Libro Infantil e Xuvenil que está dedicado ao mar e a literatura para nenos que se fai en Cuba. A cita, que estará conducida por Galitoon, que estrearán o seu novo espectáculo para nenos Baby Glub, e contará co peche musical de Os tres peixes, incluirá a homenaxe ao escritor Xabier Puente DoCampo nas palabras da autora Fina Casalderrey. No seu decurso, asemade, se inserirán as intervencións do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e da edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, que farán unha valoración deste evento. De novo, contaremos coa Radio Galega en directo, a través do programa Extrarradio, dirixido e presentado por Belén Regueira e Eduardo Herrero.

PREVISIÓNS PARA O SÁBADO, 2 FEBREIRO

o 12.00 HORAS, TEATRO. ROBINSON CRUSOE... EL MAR, Teatroparacontar.

O espectáculo achega a pequenos e maiores ao clásico de Daniel Dafoe mediante unha posta en escena musical que rescata o xogo escénico que está na base de toda aventura teatral. Con máis humor que pericia de navegantes, tres intérpretes topan con Robinson, Venres e os piratas e os invitan a contar... Teatro para contar, música para mirar, ideas para narrar... Un disparate escénico feito con textos áxiles, coreografías e cancións que propoñen aos nenos seguir lendo e imaxinando ata onde a liña do horizonte se perde.

o 13.15 HORAS, ACTO DE CLAUSURA.

-Homenaxe ao escritor Xabier Puente DoCampo. Intervencións de Fina Casalderrey e de Xabier Puente DoCampo.

-Intervencións do director xeral de creación e difusión cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, e da concelleira de cultura de Pontevedra, Lola Dopico.

-Acto conducido por Galitoon (compañía teatral galega especializada na creación e no manexo de body muppets) -Peche musical con Os tres peixes.