Xoves, 12 de xaneiro de 2006
É a primera vez que a cita, que cumpre xa a súa sétima edición, se promociona fóra da capital do Lérez.
MADRID, 12 de xaneiro de 2006
Unha nutrida representación do comité organizador e das institucións que promoven o Salón protagonizou a rolda de prensa que tivo lugar este mediodía na madrileña Residencia de Estudiantes, institución cultural emblemática que brindou unha calurosa acollida á delegación galega. O acto contou tamén coa asistencia de coñecidas persoalidades vencelladas á literatura infantil e xuvenil que xa estiveron presentes no foro pontevedrés, como a escritora vasca Mariasun Landa, así como a mascota do Salón, o Lobo Orbil.
O escritor galego Xosé Antón Neira Cruz, quen ademais dirixe a revista Fadamorgana especializada en literatura infantil e xuvenil, exerceu de mestre de cerimonias nun acto emotivo por canto tódolos relatores puxeron de manifiesto o carácter especial desta cita coa cultura que convirte a Pontevedra nunha das capitais do libro infantil e xuvenil en Europa. Neira Cruz manifestou que “as mellores realidades fanse verdade porque alguén tivo a capacidade de imaxinalas”. E déulle-la benvida ós presentes no acto “a un soño feito realidade”.
O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, intervíu en representación da Consellería de Cultura do Goberno galego, administración que participa este ano por primeira vez na organización dun evento que cualificou de “moi importante para os galegos” e que, sinalou, “debe ter cada vez máis proxección fóra de Galicia”. “O Salón -indicou Bará- acada a maioría de idade coa súa sétima edición e ten por diante un camino brillante polo que supón de encontro co libro e a literatura mesmo no eido estatal e fóra del”. Luís Bará destacou, nomeadamente, que se trata dun proxecto colectivo que abrangue a administracións (Concello de Pontevedra e Xunta de Galicia), entidades sociais e culturais (Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Asociación Máis Libros) e colectivos locais, galegos e estatais que se suman á organización do Salón e lle confiren carácter aberto, plural e integrador, “unha das claves –apuntou- do seu éxito”.
“Desde a cidade de Pontevedra e desde Galicia, o Salón é unha aposta pola cultura como ferramenta fundamental para construí-la sociedade desde a infancia, sector de poboación que representa o futuro”, concluíu, ó tempo que ratificou o apoio da Consellería de Cultura “para que este evento vaia a máis”.
Algúns dos participantes e asistentes á rolda de prensa
Tamaño: × (2.1 MB)
Obradoiro de ilustración con Pablo Amargo
foto: Xosé Luis Alonso
Tamaño: × (1.7 MB)
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra