Prensa

New York, unha cidade vista dende os ollos de Inma López Silva

Xoves, 11 de febreiro de 2010

1 ficheiro adxunto

A escritora estivo esta tarde no Café Moderno para falar da relación entre os autores e as cidades.

A concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, foi a encargada de presentar esta tarde a Inma López Silva, a escritora galega que ofreceu unha conferencia no Café Moderno sobre a relación que existe entre os autores e as cidades.

Dopico indicou que López Silva “aínda ten moito que amosar é o que queda por diante, o que aínda está por vir, vai ser moito mellor”.

Entre as obras que Lola Dopico destacou desta autora, por ter relación coas Cidades, tema que este ano trata o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, están Memoria de cidades sen luz e New York, New York.

López Silva comezou a súa conferencia lendo unhas frases do seu libro sobre a cidade americana, para así evocar aqueles tempos en América. A autora explicou que dende nena sempre quixo viaxar a New York e que se imaxinaba a cidade chea de xente estraña e cun cúmulo de novas historias por contar.

A escritora galega definiu New York como unha cidade de tascas, desordenada, con taberneiros e con sucidade “que ás veces lembra a Vigo, por estar continuamente en obras e nun inacabable proceso de construción”. “New York é unha cidade á que negros e latinos chegaron en busca de liberdade, dun soño, de triunfar. Realmente iso é o que tamén buscan todos os artistas que acaban en New York: triunfar”, sentenciou a Inma López Silva.

Ficheiros

© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra