Venres, 12 de febreiro de 2010
O escritor e avogado estivo hoxe no Café Moderno para falar sobre 'Cidades vividas, cidades imaxinadas', dentro do ciclo de conferencias 'Os autores e as cidades' que organiza o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
O ciclo de conferencias 'Os autores e as cidades' acolleu o xoves 11 de febreiro no Café Moderno de Pontevedra a conferencia Cidades vividas, cidades imaxinadas, do escritor vigués Marcos Sánchez Calveiro. O relatorio inclúese dentro da programación do XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Marcos Sánchez Calveiro publicou o seu primeiro libro, "Sari, soñador de mares", no ano 2006. Dende entón xa viron a luz "Rinocerontes e quimeras", "O carteiro de Bagdad", "Cartas do terceiro día", "Festina lente e O canto dos peixes".
Na súa conferencia de hoxe, Calveiro fixo un percorrido pola idea das cidades en diferentes momentos históricos. Comezou recordando que cando era pequeno quería ser arquitecto e que, por ese motivo, as cidades están tan presentes nas súas novelas.
Bagdad, Estados Unidos, Santiago e Vigo foron algunhas das cidades nas que se ambientaron os seus libros.
Calveiro falou dos tempos da mítica Babilonia como a cidade da primeira escritura, da cuneiforme, e dunha cidade que tiña como centro neurálxico da mesma unha biblioteca, e na que os escribas facían un diario do que cada día sucedía na cidade.
O escritor afincado en Vigo contou durante a súa conferencia unha lenda popular que relata como os caldeos, moi afeccionados á astroloxía, cando tiveron que fuxir da súa cidade, quixeron descubrir onde durme o sol. Camiñando tras el chegaron ata a fin do mundo, Fisterra, onde puideron ver como o sol se mergullaba no Atlántico. Para homenaxear o lugar onde durmía o sol, construíron a cidade de Duyo, nun lugar entre a Costa da Morte e A Coruña. Calveiro tamén tivo palabras para a primeira cidade imaxinada: “Troya sempre foi unha cidade mítica, que foi protagonista de varios libros, pero que nunca se situou no mapa”, dixo. Desta cidade naceron obras fundamentais como a Eneida, de Virxilio, ou a Ilíada e a Odisea de Homero. Logo de séculos de esquecemento, Troya foi descuberta nunhas escavacións que comezou Heinrich chiliemann a finais do século XIX.
© 2006–2010 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra