Prensa

A PRIMEIRA SEMANA DO 11º SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL TEN UNHA ASISTENCIA MEDIA DE 2.000 VISITANTES DIARIOS

Venres, 12 de febreiro de 2010

2 fotos1 ficheiro adxunto

1.863 persoas, entre nenos, nenas e público adulto, pasaron hoxe polas actividades e espazos que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil organizou no Pazo da Cultura de Pontevedra, co que se confirma unha asistencia media de preto 2.000 visitantes, na primeira semana de celebración. A estas cifras habería que engadir os máis de 300 asistentes que acudiron ao acto inaugural celebrado o pasado domingo 7 de febreiro de 2010.

A obra “Os Bolechas”, posta en escena por Caramuxo Teatro encheu por segunda xornada o aforo previsto nas dúas sesións matinais concertadas cos centros escolares e cubriu de novo as súas localidades durante a sesión aberta a todos os públicos e acadou un total de 212 espectadores. As actividades realizadas pola mañá na Sala de Exposicións para centros escolares acolleron 596 nenos e nenas dos centros escolares de Pontevedra e Comarca participantes no Salón do Libro, que se divertiron cos contacontos de Celso Fernández, Pavís Pavós e Queliña, así como a obra teatral Cantacontos de Migallas.

As visitas organizadas ao Salón acolleron o xoves aos asistentes dos roteiros urbanos, que á súa chegada ao Pazo da Cultura puideron falar co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Na sesión da tarde, os rapaces e rapazas foron os protagonistas dos contacontos na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura durante a actividade "Os nenos contadores" das "Tardes na sala". Os 300 membros do público puideron logo visitar as obras inspiradas na temática da cidade que se exhiben no Pazo da Cultura.

O horario de apertura a todos os públicos durante a semana lectiva no Pazo da Cultura é de martes a venres, de 17 a 21 horas, excepto os luns, que estará pechado; abre os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas; os domingos e festivos, de 11 a 14 horas.

As instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra permanecerán abertas ata o domingo 14 de marzo e contan cun espazo ambientado polo alumnado da Facultade de Belas Artes, exposicións de traballos escolares e ambientación xeral do Pazo da Cultura pola escola de tempo libre Paspallás. Tamén se poden apreciar as exposicións sobre a homenaxe a Agustín Fernández Paz e O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. do Campo.

Fotos en alta resolución

Ficheiros

© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra