Prensa

A OBRA “PACAMA” DIVERTIRÁ AOS MÁIS PEQUENOS DA CASA O VINDEIRO SÁBADO

Venres, 12 de febreiro de 2010

1 ficheiro adxunto

Os bebés poderán desfrutar do espectáculo na Sala de Obradoiros do Pazo da Cultura.

O vindeiro sábado 13 de febreiro de 2010, pola mañá e pola tarde, o Salón do Libro acolle na sala de Obradoiros do Pazo da Cultura o espectáculo interactivo PACAMA, para os máis pequenos da casa: desde os cero anos, os bebés poden divertirse coa interpretación mímica que se desenvolve coma se fose unha coreografía de danza ao ritmo dunha banda de son orixinal en función das emocións dos personaxes.

PACAMA ofrecerá catro sesións, ás 10.30, 11.30, 13.00 horas e 17.00 horas, e para o maior gozo do público teñen un aforo limitado para 50 bebés e un adulto acompañante por bebé. A entrada custa 3 €, con desconto do 50% para os bebés e as entradas para cada función poderán adquirirse unha hora antes do comezo da mesma.

A obra de Katarsis realiza unha exploración de xogos entre dous amigos que antes de durmir descobren un mundo de aventuras que distrae o seu sono. A súa predisposición e inxenuidade lévaos a atopar a diversión no máis sinxelo, en todo o que os rodea, no marco dun contorno tan acolledor coma un dormitorio. Un xogo leva a outro, dende unha pelota ata unhas almofadas que serven de ás para voar, pasando polas sabas axitándose no aire, a toalla enrolándose e desenrolándose, a luz apagándose e acendéndose, e uns pequenos monicreques en forma de ollos que se bican.

CARACTERÍSTICAS

O uso de instrumentos de vento e a gaita irlandesa axudan a que a obra manteña un clima acolledor e de soño, onde a fantasía e a imaxinación son as claves para a acción.

DURACIÓN: 30 minutos + 15 minutos intervención co público no encontro e na despedida.

Ficheiros

© 2006–2011 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra