Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

Información ós medios para o martes 7 de febreiro de 2006

Martes, 7 de febreiro de 2006

11 fotos1 ficheiro adxunto

Hoxe martes, 7 de febreiro, recibímo-la visita doutros 439 escolares dos seguintes centros:

  • CEP Xunqueira 2
  • CEIP Sequelo
  • EEI Calvo Sotelo
  • CEIP San Martiño
  • CEIP Vidal Portela

Os pequenos asistiron ós obradoiros que se abriron onte e ás sesións de contacontos programadas (consultar programa na web www.salondolibro.org). Outros escolares gozaron do espectáculo “De fabula”, por Artello Teatro, grupo vigués cunha longa traxectoria no eido do teatro para nenos. Un espectáculo de monicreques sobre mesa baseado nas fábulas da tradición clásica, onde o bosque e os animais que o habitan son os protagonistas. Ás doce e media no auditorio do Pazo.

Tamén tiveron continuidade os obradoiros para adultos, en horario de 18.00 a 20.00 horas do seguinte xeito:

Animación á lectura: por Ana Romero Yebra. Mestra, residente en Almería onde exerce como ensinante e colabora en diferentes actividades culturais e medios de comunicación. Autora de varios poemarios para adultos, na súa producción destinada ó público infantil salientamos libros de poemas de contos como la hormiguita negra, La vaca Dosinda, El pirata Pepe, Verdes amigos e Ronda de nanas, nos que quere transmitir á xente nova o seu amor pola natureza e os seus habitantes a través dunha escrita tenra e lúdica. Ana María tamén participa en múltiples encontros, xornadas e congresos para o fomento da lectura. No seu obradoiro, a proposta de Romero Yebra é a utilización da poesía como xogo, para ofrecer ós pequenos un camiño claro de entrada ó mundo lírico.

Literatura: con Antonio Rodríguez Almodóvar, especialista no conto de tradición oral e autor galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil no ano 2005. Este sevillano é autor de máis dunha trintena de libros, entre eles numerosos contos e relatos infantís e xuvenís. Desde mediados dos anos 70 recopila antigas e variadas versións de contos españois tradicionais, tema sobre o que é un auténtico especialista. De feito, é integrante do “International Folk Narrative Research” e imparte numerosos cursos e conferencias en universidades e institucións de todo o mundo sobre a literatura de tradición oral hispánica. Acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado pola obra El bosque de los sueños, cinco historias que recrean relatos marabillosos da tradición indoeuropea. Tamén recibíu o Premio Nacional de Literatura en 1985 por Cuentos al amor de la lumbre. En 1991 acadou o Premio Infanta Elena de Literatura Juvenil por Un lugar parecido al paraíso, e en 2004 conqueríu o Premio Ateneo de Sevilla polo seu libro de relatos para adultos El hombre que se volvió relativo.

Ilustración: con Pablo Amargo. Nado en Oviedo, Pablo Amargo é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Deseño Gráfico e Audiovisuais. Na actualidade combina a súa actividade de ilustrador editorial (Anaya, S.M. Santillana, Everest, La Joie de Lire, Éditions Retz, Camelia ediciones...) con traballos en revistas, prensa nacional e proxectos publicitarios. Ten participado en exposicións individuais e colectivas de ámbito nacional e internacional. A súa obra foi seleccionada nos anos 2003 e 2004 para a Feira do Libro de Bolonia e para a Bienal de Ilustración de Barreiro (Portugal). En 1999 recibiu o Premio Lazarillo de Ilustración por “No todas las vacas son iguales” con textos de Antonio Ventura. Este libro tamén mereceu en 2000 a Mención especial do Centro Nacional del Libro (Venezuela) e foi seleccionado polo Instituto Perrault 2001 de París como un dos mellores libros ilustrados europeos. Asimesmo recibíu o Premio Motiva de Ilustración 2000, 2004 e 2005 e o Premio do Banco do Libro de Venezuela 2003. No ano 2004 gañou o Premio Nacional de Ilustración por El monstruo de la lluvia de con textos da escritora galega Marilar Aleixandre e no 2005 a Golden Plaque da Bienal de Ilustración de Bratislava, considerada unha das feiras de ilustración máis importantes do mundo. A obra premiada foi La princesa y el guisante, versión de Gustavo Martín Garzo do conto de Andersen. O obradoiro que dirixe no Salón leva por título “As palabras non pintan nada”, no que salienta a capacidade que teñen as ilustracións para xerar significados propios sen ser redundantes con respecto ó texto.

Música: con Miquel Desclot. Comezou a escribir os seus primeiros poemas cando estudaba Filoloxía Catalana, animado polos seus compañeiros e profesores. O Premio Amadeu Oller en 1971 marcou o inicio da súa carreira literaria que compaxinou co ensino na Universidade Autónoma de Barcelona, salvo un paréntese de dous anos na Universidade inglesa de Durham. En 1992 deixou o ensino para dedicarse plenamente á literatura. Ademais de poeta, é narrador, dramaturgo e tradutor.Algunhas das súas obras destinadas ó público infantil e xuvenil son: El blanc i el negre, A la punta de la llengua, El bemoll moll, Bestiolari de la Clara, Fills del segle (cantata con música de Albert Guinovart), Lluna de mel al palau de vidre e En Pere i el llop (teatro infantil, adaptación do conto de Prokópiev).A súa afección pola música fixo que participara en diversos proxectos musicais. Compuxo “Paraula de Poeta” para o Teatro Lliure, xunto con Josep Pons, e a letra dos seguintes discos: La cançó més bonica del món, Fills de segle, Transatlántida, Cançó a cau d’orella e Concert desconcertant, éste último de 2004 con música de Antoni Ros Marbá. Asimesmo escribiu o ensaio L’edat d’or de la música sobre o clasicismo vienés. Entre os numerosos premios que o distinguen están o Premio Lola Anglada (1985) por Set que no dormen a la palla, o Premio de la Crítica Serra d’Or (1993) por Bestiolari de la Clara e o Premio de la Crítica Cavall Verd por Per tot coixí les herbes. Destaca o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2002, por Mès música, mestre! , un libro de poemas sobre os instrumentos musicais. Como tradutor gañou premios como o Premio Josep M. de Sagarra de tradución teatral (1985) pola versión de Les mamelles de Tirèsies de Guillaume Apollinaire, o Premio da Generalitat á mellor tradución en verso (1988) pola versión de Llibres profètics de William Blake e o Premio Nacional de Tradución de Literatura Infantil (1988) por Versos perversos de Roald Dahl.

No tocante ás actividades de libre asistencia, hoxe programáronse as seguintes citas: 18.30, Calamar Teatro con “Titirifauna” no auditorio do Pazo da Cultura. Prezo: 1,50 euros. Este espectáculo, con música en directo e unha actriz no escenario manexando monicreques feitos con material de refugallo, obtivo unha mención especial do xurado en Fetén 2002 (feira de teatro europeo que se celebra en Xixón).

20.30, presentación do poemario Trobalinguas. Neste volume participan Miquel Desclot (Cataluña), Antonio García Teijeiro (Galicia), Juan Kruz (Euskadi) e Ana Romero Yebra (Madrid). Cada un dos autores aportou cinco poemas e os demais traducíronos ás súas linguas respectivas. As ilustracións son de Tesa González.

A presentación deste volume, no auditorio do Pazo e coa asistencia de tódolos autores, estivo a cargo de Sara Moreno, coordinadora do volume, mestra en educación infantil e membro da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. Esta asociación é a editora de Trobalinguas.

Esta mañá o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibíu a visita do alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores asistíu a unha sesión de contadas con escolares de Salcedo e percorreu as exposicións acompañado pola concelleira de cultura, María Xesús López Escudeiro, e a coordinadora do Salón, Helena Torres.

Fotos en alta resolución

Ficheiros

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra