Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

Ana María Matute, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Xoves, 9 de febreiro de 2006

14 fotos1 ficheiro adxunto

Meteuse ó público no peto, fíxonos rir facendo gala dun requintado senso do humor e dixo verdades irrebatibles. Non hai calificativos que a describan, esta muller incorfomista e fondamente sabia negouse a impartir unha conferencia e só quixo atender ás preguntas do público. Obsequiounos a todos cunhas respostas saborosamente longas.

Os dous contos favoritos de Ana María Matute son “O Patiño Feo” e “A Sereíña”. Dixo Ana María que os contos para nenos son o máis parecido que existe á poesía, porque dan o máximo a través do mínimo. A escritora opina que cambiarlle o final ós contos clásicos para facelos politicamente correctos é absurdo, monstruoso e estúpido, e a estupidez, dixo “é aínda peor que a maldade”. “¿Por qué os nenos non len? Porque lles quitaron o sal e a pementa ós libros. ¿Queremos crear nenos imbéciles que se darán de tortas coa vida cando se lles poña á fronte? A min encantábame o lobo porque é sumamente atractivo e ó lobo valo atopar na vida cando sexas maior. Carapuchiña Vermella, como dixen moitas veces, é parva, ¡mira que confundir ó lobo coa súa avoa!” Ana María deulle a noraboa a Harry Potter por conseguir traer de volta ós nenos á lectura.

A autora de “Sólo un pie descalzo” asegurou en Pontevedra que deixou de escribir para nenos cando medrou o seu fillo. “Eu escribía para el e os outros nenos que viñan á casa e, claro, deixou de ter senso cando se convertiron nuns señores con bigote”. “Ler un libro a un neno é como facerlle crear un libro a ese neno, porque o ten que imaxinar todo. Cando a min me lían os contos do bosque, eu chegaba a percibi-lo aroma, a oí-lo canto dos paxaros”. “Eu empecei a escribir con cinco anos. Cando me lían contos pensaba que cando fose maior quería facer precisamente iso, escribilos. Eu lía: Hans-Christian-Andersen e vía: Ana-María-Matute. Por iso escribo e quero seguir escribindo: para que a xente sexa feliz lendo”. Con todo, confesounos que non estaba nada contenta de pertencer á especie humana, “teño uns canciños deliciosos que se comportan infinitamente mellor ca min, aínda que tamén hai cans malos”.

Ana María Matute non desbotou regresar á literatura para nenos porque dixo “agardo vivir dez anos máis” e non quixo desvelar detalles sobre o libro que está a piques de rematar, tan só apuntou que trataba sobre o desexo e que lle encantaba: “se non te encanta, paga máis a pena que non o escribas”.

Fotos en alta resolución

Ficheiros

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra