Xoves, 9 de febreiro de 2006
Visitas de escolares (467 nenos e nenas):
Proseguen os obradoiros, contadas e visitas guiadas para escolares en horario de mañá. Tamén continúan os obradoiros para adultos do seguinte xeito:
Animación á lectura: Ana García Castellanos. É tecedora de contos desde que descubriu os prodixios dos libros e das palabra. Esta fascinación levouna a contar e viaxar polo mundo como unha mestra e unha referencia para contadoras e contadores. Formouse como actriz na Aula de Teatro da Universidade Autónoma de Madrid, onde seguía os seus estudos de Dereito. Dario Fo engaiolouna coas súas fabulacións e Lecoq aprendeulle o idioma do corpo. Traballou na radio e como profesora de FP, pero a súa paixón pola literatura e o teatro levouna sen remedio ao oficio de contacontos. Imparte obradoiros de formación en centros de profesores e en outras institucións, como a Universidade de Coimbra, o Instituto Cervantes de Bruxelas ou a Escuela de Educadores da Comunidad Autónoma de Madrid. Na actualidade imparte a materia de “Narración de Cuentos” no Curso de Posgrao de Promoción da Lectura da Universidade de Castilla-La Mancha. Como autora, ten publicados diversos títulos de narrativa, poesía e teatro infantil e xuvenil. A súa participación co conto de contido ecolóxico Glup, Flip y la ciudad, dentro do proxecto “Cuentos y Medio ambiente” da Comunidade Europea, fíxoa merecedora do recoñecemento como mellor proxecto do ano 1998 de Educación Medioambiental da Unión Europea. Ademais, foi Premio de Narrativa da Universidade Autónoma de Madrid, Hucha de Plata en 1981 e Premio “La Flauta mágica” de relato en 1997. Aínda que traballa tódolos autores e todo tipo de contos, para nenos e adultos, dedica unha especial atención á recreación de autores clásicos para todos os públicos. Cantos y Cuentos de Don Quijote, La ReGeneración del 98, o El Libro de Buen Amor, Oficio de Trotacuentos foron representados no Festival de Almagro, Bruxelas, Arxentina, Uruguai ou Porto Rico. Entre os seus últimos traballos está “El Reina Sofía tiene mucho que cuent-Arte”, para o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou “El Cuentafueros”, recreación xograresca do Concejo de Alcaldes que elaboraron os primeiros fueros de Madrid.
Literatura: Antonio Reigosa. Traballa no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo desde 1982. É escritor e investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colaborando con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas. Participa como ponente en numerosas xornadas e congresos e en campañas de promoción da lectura nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais. Da súa produción literaria podemos destacar Memorias dun raposo, que levou o Premio Merlín de Edicións Xerais e quedou finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil en 1999. A novela Resalgario gañou o Premio Raíña Lupa do ano 2000 e co libro Contos de parvos e pillos, escrita en colaboración con Xosé Miranda, foi gañador no 2005 do Premio Frei Martín Sarmiento. Tamén participa, xunto con X. Miranda e X. R. Cuba, na coñecida serie de contos de tradición oral galega Cabalo Buligán. Un dos seus últimos libros é Arrepíos e outros medos, con X. Miranda, sobre historias galegas de terror. É cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, con campañas de recollida de literatura oral en distintos concellos da provincia de Lugo. Asimesmo é o creador e coordinador de contidos da Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com) e coordinador da revista sobre literatura oral “O pazo das musas”, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004. No eido audiovisual, gañou en 1987 o Certame Nacional de artes e tradicións populares para prensa, radio e televisión do Ministerio de Cultura polo programa “O mal de ollo”, emitido en Radio Nacional de España. Tamén quedou finalista dos Premios Galicia de Xornalismo, en 1988, por “Os aventureiros” producido para a RNE en Galicia. Finalmente, foi nomeado Lucense do ano 2002 pola Asociación de Prensa, Radio e Televisión da provincia de Lugo.
Ilustración: Pablo Amargo
Música: Miquel Desclot
No capítulo de actividades de libre asistencia:
18.30 Espectáculo teatral “La leyenda del Hada” a cargo da compañía canaria Cuentos con Encanto. No auditorio do Pazo da Cultura, para nenos e nenas a partir de 4 anos. Prezo: 1,50 euros.
20.30 Presentación do sitio web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía popular de Galicia, está presente na rede Internet desde os primeiros días de marzo de 2005. Ten como primeiro obxectivo recompilar toda a documentación posible, tanto bibliográfica como oral, relacionada coa fantasía popular: lendas, contos romances, xogos, ritos, mediciña..., e poñela ao dispor de estudosos e curiosos da nosa culura popular tradicional. O segundo obxectivo consistirá en elaborar cos documentos recompilados unha enciclopedia, o máis completa posible, do saber popular de Galicia. Na presentación falaremos dos contidos e das distintas categorías en que se clasifican, das seccións abertas á didáctica da fantasía e á investigación, e dos novos apartados que se irán incorporando. Tamén se comentarán as posibilidades que se lle brindan aos que queiran colaborar a través do formulario denomindo “Envía unha lenda”.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra