Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

Previsións do Salón para o venres 10 de febreiro de 2006

Xoves, 9 de febreiro de 2006

1 ficheiro adxunto

Visitas de escolares (total nenos: 476) - CEIP San André de Xeve - CEIP Álvarez Limeses - CEIP Xunqueira I - CEIP San Benito de Lérez - CEIP de Vilaverde

Seguen adiante os obradoiros e contacontos para escolares, como se viñeron desenvolvendo ó longo desta semana. No tocante ó espectáculo para os alumnos, hoxe ás 11.30 represéntase “La leyenda del hada”, a cargo da compañía canaria Cuentos con Encanto.

Como sabedes, o venres é a derradeira xornada de obradoiros para adultos.

  • Animación á lectura, con Ana García Castellanos (estivo xa o xoves)

  • Literatura, con Francisco Fernández Naval. Este ourensán que reside na Coruña é poeta e novelista. En 1980 recibíu o premio de poesía Cidade de Ourense polo libro A fonte abagañada e en 1988 o premio Xerais por O bosque das antas. Outras obras poéticas son Pabellón habitado (1987), Días de cera (1999), Ara Solis (1996), publicada en edición bilingüe francés-galego, con gravados de Jacqueline Ricard e posteriormente en castelán na revista “El signo del gorrión” e Mar de Lira (2005). Ten publicadas outras catro novelas: Tempo de crepúsculo (1993), Sombras no labirinto (1997), Unha cita co aire (2005) e unha para público xuvenil, Suso Espada, o misterio do Grial (2002); e os libros de relatos Historias roubadas (1998), Sete noites e un amencer (2003) e Lendas de onte, soños de mañá (2001). Escribiu guías e libros de viaxe como Unha viaxe á procura do solpor –Do Tambre á fin da Terra- (2000) e A Coruña monumental e turística (2002) e as guías patrimoniais das provincias da Coruña e Ourense, de Caixanova, a primeira en colaboración con Xavier Alcalá, a segunda con Camilo Franco, así como o libro Galicia, Rutas con sabor, para El País-Aguilar. Destinado ó público infantil, escribiu o libro No corazón da fraga (2001), publicado en castelán co título de El espiritu del bosque. Ten participado en numerosos congresos e encontros literarios, tanto no territorio da comunidade autónoma, como no do estado e no estranxeiro. O concello de Oleiros publicou a súa conferencia O mundo da pesca na literatura galega. Por encargo de productoras do audiovisual galego e da TVG, elaborou guións cinematográficos, entre eles Pataghorobí, longametraxe de televisión que é unha adaptación do relato do mesmo título de Cid Cabido. Cada ano coordina as Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional que organiza a Asociación Cultural Canle de Lira, Carnota. Colabora co suplemento cultural Nordesía, do Diario de Ferrol. En xaneiro de 2006 publicouse, a cargo da editorial Linteo, o ensaio: Respirar polo idioma –Os galegos e Julio Cortázar- e para a primavera terá lugar a estrea do monólogo teatral Non se che faga tarde, protagonizado por María Inés Cuadrado e dirixido por Manane Rodríguez.

  • Ilustración, con Pablo Amargo.

  • Música, con Miquel Desclot.

Actividades abertas ao público:

  • 18.30 Presentación dos libros Rosalía, da Colección Tres Pitas Brancas e Fedorenta, unha meiga porcallenta, editado por Biblos Clube de Lectores.

Rosalía, obra da que é autora Helena Villar Janeiro, está editada pola Fundación Rosalía de Castro e supón o inicio da colección Tres Pitas Brancas. No acto intervirán, amais da autora, Ana Blanco, vicepresidenta da Fundación, Xesús Alonso Montero, director do Centro de Estudios Rosalianos, Maite Piñeiro, xerente da Fundación Rosalía de Castro, e a ilustradora deste volume, Ánxeles Ferrer.

A bio-bliografía Rosalía foi pensada para achega-la figura de Rosalía de Castro ós primeiros lectores. O libro servirá de soporte para traballar na aula pedagóxica que a Fundación Rosalía de Castro está preparando para dar apoio ós centros e fomenta-lo uso da Casa-Museo polas escolas de Galicia.

Na presentación de Fedorenta intervirán a tradutora, Paula Pintos, o director literario de Biblos Clube de Lectores, Tucho Calvo, e a profesora do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, Lourdes Lorenzo, quen pertence ó proxecto de tradución de obras da literatura infantil e xuvenil que leva a cabo esta institución universitaria.

Fedorenta, unha meiga porcallenta é unha obra editada agora por Biblos Clube de Lectores que acadou un enorme éxito de Inglaterra e Estados Unidos. A protagonista, unha meiga de nome Fedorenta, é un personaxe sumamente popular neses países, onde mesmo coñeceu unha versión en debuxos animados. Paula Pintos Ureta é a responsable da versión galega.

O libro constitúe o primeiro dunha serie de seis que forman a colección das aventuras de Pongwiffy (Fedorenta, en galego), unha meiga algo porcalleira pero que fará as delicias dos máis pequenos coas súas aventuras no aquelarre do que forma parte. Pongwiffy, A Witch of Dirty Habits (Fedorenta, unha meiga porcallenta, na presente versión galega) publicouse por primeira vez en 1988 na editorial A&C Black (hoxe parte da Bloomsbury). En 1990 Penguin mercou os dereitos e sacou a serie dentro da colección Puffin dirixida a nenos de entre 5 e 11 anos.

A autora dos libros, Kaye Umansky, naceu en Plymouth en 1946 e fíxose mestra de primaria, profesión que a levou a coñecer ben o mundo dos nenos. Dende os inicios da súa andaina docente escribía libros para os máis pequenos como afeccionada, ata que, a partir de 1985 se dedicou en exclusiva á literatura, dedicación que mantén ata o momento actual. Umansky é unha autora moi prolífica e a súa produción abrangue tanto prosa como poesía e teatro. En prosa infantil, a saga pola que acadou sona internacional foi a de Pongwiffy, pero escribiu outros libros moi meritorios como os álbumes ilustrados da serie de Sophie Rabbit, a serie de Sir Quinton Quest, a colección de Wilma, a aprendiz de raíña malvada, ou a do pirata Buster Gutt. No eido da poesía ten libros de rimas para primeiros lectores (ex: Tickle My Nose and Other Action Rhymes e Nonsense Counting Rhyme), libros de relatos (ex: The Night I was Chased by a Vampire and Other Stories), contos en verso (ex: The Bogey Men and the Trolls Next Door) ou álbumes ilustrados (ex: os da serie de Jim). Tamén fixo pequenas incursións no teatro para nenos con Cruel Times: A Victorian Play, Humble Tom´s Big Trip: A Tudor Play e Litterbugs. O trazo máis característico da súa produción é o humor, que zumega en tódalas obras e constitúe o principal propósito das mesmas, fronte ao que en moitas ocasións atopamos nos libros dirixidos a rapaces.

Coñecida en numerosos países fóra do ámbito anglosaxón (Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Italia, Polonia, Turquía), na Península Ibérica só entraron dúas das súas obras: unha tradución ao castelán de The Fwog Pwince, The Twuth!, publicada por Ediciones Rialp co título Toda la verdad sobre el príncipe rana (1993) e unha tradución a castelán e catalán do álbum ilustrado A Chair for Baby Bear, publicadas en 2005 pola Editorial Galera cos títulos respectivos de Una silla para el osito e Una cadira per a l’Osset. O personaxe principal do presente libro, Pongwiffy, é unha meiga nada amiga da limpeza que vive porta con porta cos trasnos. Cansada de aturar as súas cantadelas e axudada pola súa mellor amiga a meiga Sharkadder (Sapoquenlla), decide mudar de fogar; despois de múltiples vicisitudes atopará a casa ideal: unha casoupa toda escangallada ao carón dun colector de lixo. Porén, Fedorenta non é feliz porque se sente soa e, de novo, a súa amiga será quen lle bote unha man suxeríndolle que busque un animal de compañía, un familiar na xerga da meigallada. O familiar aparece pero dista moito do estándar para este mester; non se trata dunha curuxa arrepiante nin dun corvo negro nin dun morcego que chuche o sangue, senón dun hámster churrusqueiro que pode acabar coa boa reputación dunha meiga nun chiscar de ollos.

  • 21.00 Grolos de voz e música. 3 euros con consumición mínima. Para adultos. Habilitaráse un espazo no Pazo da Cultura para convertilo nun pub e poder asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Ana García Castellanos (imparte un dos obradoiros de adultos) e música en directo interpretada polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Nota: O IES Carlos Oroza colabora co Salón do Libro ofrecendo un xantar para ponentes, organizadores e autoridades. Os medios gráficos interesados en recoller imaxes da cita poden facelo no propio centro a partir das 14.00 horas. Estará presente a concelleira de cultura, María Xesús López Escudeiro.

Ficheiros

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra