Prensa

Arquivo

Gabinete de prensa

Teresa Cuíñas Lavandeira
prensa@salondolibro.org
Teléfono 645 106 103

Valoración da Clausura do Salón do Libro

Luns, 13 de febreiro de 2006

1 ficheiro adxunto

Pontevedra, 11 de febreiro de 2006

Hoxe pechou as súa portas o VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Un ano máis, durante sete días, tivémo-la oportunidade de cumprir un soño, o de achegármo-las nosas vidas ás dos libros e gozar das súas fantasías, das súas realidades e das das súas aprendizaxes. Foron sete días nos que Pontevedra se anegou de dragóns e de sereas, de carapuchiñas vermellas e de robinsóns, de pequenos príncipes, de músicos de bremen, de mosqueteiros, de meigas, mercaderes e aventureiros, de caravanas cruzando desertos e de barcos pantasmas e de veloces trens aéreos. Nestes días de actividades para escolares, participan, en total, 5.000 alumnos e alumnas de centros escolares da comarca. As contadas e obradoiros concertados proseguen ata o vindeiro mércores 22 de febreiro. E ata o 3 de marzo, data na que se pecha definitivamente o VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un milleiro de estudiantes de toda Galicia xa reservaron a súa visita guiada polos espazos expositivos.

Agradecementos

No acto de clausura, celebrado a primeira hora desta tarde, representantes da organización deixaron constancia do aplauso e agradecementos que merecen a Escola de Canteiros, o grupo QuartoEscuro Teatro, o grupo de Bacharelato Artístico do IES A Xunqueira I, e Raquel Martínez, Estefanía Alonso e Alba González, alumnas da facultade de Belas Artes. “Elas e eles son os autores das transformacións dos espazos en máxicos escenarios de conto. A súa creatividade e o seu esforzo teñen a nosa máxima consideración. É de reseñar, tamén con letras destacadas, o traballo que realizan profesoras e profesores desde os seus centros de ensino, traballo que vai máis alá do estrito cumprimento das súas funcións educativas, e que resulta as máis das veces anónimo e gratificado só coa satisfacción da súa realización. A exposición ‘Contamos coa natureza’ foi este ano o resultado dese labor que desde aquí agradecemos vivamente”.

Nesta edición, o Salón tivo como tema central “a natureza”. A natureza como paisaxe das emocións no eido da poesía, como escenario no que transcorren as historias dos contos, e tamén como protagonista. Desde o universo da literatura infantil e xuvenil, foi a nosa contribución ao obxectivo de conseguirmos un mundo máis fermoso, máis san, máis natural. A mostra de libros é posible gracias á colaboración das editoriais, que nos prestan os seus fondos e que, nalgún caso, incluso os ceden de xeito definitivo. Pouco a pouco o Salón vai construíndo unha valiosa biblioteca que un día será a biblioteca infantil e xuvenil de todas e todos. A maiores, agradecemos este ano a Edicións Xerais e a Oqo Editora a cesión de senllas mostras de ilustración. Unha das novidades deste ano no ámbito das exposicións é a colaboración aberta entre o Salón e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, cuxo primeiro resultado foi a exposición “Plantando libros”. Consiste nun conxunto de creacións plásticas sobre o tema do Salón, a natureza, acompañadas de cadanseu texto literario escrito por unha escritora ou escritor. Posteriormente, esta mostra quedará á disposición dos colexios e institucións que a soliciten. A colaboración entre o Salón e a AGPI manterase na mesma liña nos próximos anos.

Tamén é de destaca-lo mantemento da mostra “Cousas”, de obxectos literarios, na que a asociación Máislibros derrocha un enorme esforzo. Non foi asunto fácil reunir, nunha mesma exposición, unhas fabas máxicas, unha planta andadora, o Camiño de Quita e Pon, pezas de construción das cidades invisíbeis, a caveira do ollo de vidro, un ovo da galiña dos ovos de ouro e outros obxectos de ouro únicos no mundo, colmillos de dragón, restos de cidades ananas... Se singular é o Salón, singular é o marco onde se realiza. O Pazo da Cultura de Pontevedra, que nos acolle desde a primeira edición, é para nós unha segunda casa na que nos sentimos cómodos e apoiados. Gracias á dirección e ó persoal que colabora connosco.

Como tódolos anos, o maior peso da carga financeira do Salón correu por conta da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra. Pero ó Concello non só lle debémo-los cartos que fan posible o Salón, senón tamén a súa colaboración material, o apoio do seu persoal, o seu aporte de ideas e, sobre todo, o seu entusiasmo, o seu cariño e a súa fe neste proxecto. A titular de Cultura do Concello de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, dirixíu o seu agradecemento en especial ós profesores que entusiasman os nenos coa lectura e gabou o Salón como un espazo de liberdade que supón a consolidación do proxecto social do Concello de pontevedra. Os libros, asegurou a concelleira “fainos menos escravos e máis libres”. No apartado financeiro, agradecemos vivamente o apoio da Fundación Caixagalicia, que, ano tras ano, axuda coa súa aportación económica a que este gran soño se faga realidade.

Asemade, agradecémo-lo xeneroso aporte económico da Consellaría de Cultura e Deporte, que, por primeiro ano e desde o novo goberno galego, recoñece a importancia do Salón de Pontevedra e se implica nel con forza. No acto de inauguración tivemos ocasión de escoita-las palabras da súa conselleira, dona Ánxela Bugallo. Para pechalo oficialmente, contamos coa presencia do Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará Torres.

Falar de Luís Bará Torres non é só falar do actual Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, senón que é falar da persoa que, desde o seu anterior cargo de concelleiro de Cultura no Concello de Pontevedra, impulsou con forza, con entusiasmo, con intelixencia e con gran cariño este Salón desde a súa orixe. Se hoxe o Salón do Libro Infantil e Xuvenil é unha realidade e ten a dimensión que ten, débese, nunha boa parte, a el. Por iso, e por tantas cousas, o noso máis cálido recoñecemento. Na súa intervención, Luís Bará fixo un breve percorrido pola historia do Salón para significar que, desde uns inicios modestos hai agora sete anos, se chegou ó Salón consolidado que é hoxe, “o principal espazo dedicado á literatura infantil que hai en Galicia e mesmo no Estado –dixo-, e iso débese á alma organizativa do evento, un equipo plural, xeneroso e intelixente”. Bará recoñeceu, asemade, o esforzo dos escolares que desde hai 3 anos configura unha das exposicións máis celebradas do Salón. “Aínda que hoxe esteamos na clausura –afirmou- o Salón segue adiante porque parte dos seus contidos percorrerán o país e mesmo chegarán a fóra del”.

Polo Salón desfilaron, en orde máxica e nada militar, un bo número de persoas, homes e mulleres, que desde as áreas da creación literaria, a ilustración, a edición, a animación á lectura, o teatro, a música, o estudo da literatura, aportaron o mellor de si.

María Victoria Moreno Iniciativa da edición anterior, que continuamos este ano, foi a designación dunha persoa do mundo da literatura infantil e xuvenil para que confeccionase e lese o pregón inaugural do Salón do Libro. Ó mesmo tempo, esa persoa sería homenaxeada cunha exposición monográfica da súa obra e cunhas palabras de gabanza e agradecemento no acto de clausura.

Velaquí outra das novidades aportadas pola actual edición do Salón: a exposición monográfica do pregoeiro ou pregoeira, que este ano foi posible gracias ó financiamento de Gálix (Asociación Galega da Literatura Infantil e Xuvenil). Unha vez rematado o Salón, será posta á disposición dos colexios e institucións que a soliciten para a súa exhibición.

Como xa é público, a persoa elixida este ano como pregoeira foi a escritora pontevedresa María Victoria Moreno, tristemente finada en datas recentes. Co noso mellor cariño, durante a inauguración tratamos de supli-la súa ausencia coa lectura dos seus textos por parte dun grupo de alumnas e alumnas de 6º curso de Primaria do Colexio A Xunqueira II.

Malia a súa ausencia, non quixemos deixar de lle render esa merecida homenaxe a María Victoria Moreno. Proxectouse un audiovisual que confeccionou o alumnado da facultade de Ciencias Sociais. Neste acto tamén puidemos escoita-las palabras que lle tiña preparadas unha persoa que, ademais de lle profesar grande amizade, é un excelente coñecedor da obra de María Victoria e, por outro lado, un dos nosos escritores de literatura infantil e xuvenil actuais máis relevantes: Xosé Antón Neira Cruz. Neira Cruz fixo unha semblanza biográfica e literaria dunha escritora celebrada, pero tamén dunha amiga, dunha nai e dunha muller comprometida coa língua e coa cultura. “Unha galega de Cáceres que hoxe tiña que estar aquí e que o está”.

Como selo e como lembranza da irmandade de María Vitoria Moreno co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a escritora foi agasallada, a título póstumo, cunha representación en madeira da nosa mascota, o lobo Orbil. O agasallo foi recollido polo seu compañeiro, don Pedro Ferriol. Fixo a entrega o director xeral de Creación e Difusión Cultural, don Luís Bará.

Un equipo plural Un dos sinais identificadores do Salón de Pontevedra, que o fan único entre todos os eventos do seu tipo no Estado español e parte do universo, é o seu carácter aberto e participativo. Son máis de trinta as institucións de todo tipo que se implican para lle dar forma e contidos. Algunhas xa foron citadas. Vaia aquí un agradecemento colectivo a outras como a Biblioteca Virtual Galega, Biblos Clube de Lectores, a Fundación Casa-Museo Rosalía de Castro, Domingos do Principal, a Facultade de Tradución e Interpretación, o Museo de Pontevedra, a Fundación Germán Sánchez Rupérez e a revista Fada Morgana.

Un agradecemento cariñoso desde a distancia á Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil e á Residencia de Estudiantes de Madrid, por posibilitaren o acto de presentación do Salón do Libro de Pontevedra en Madrid o pasado 12 de xaneiro.

E, desde a proximidade, á Federación de Libreiros de Pontevedra, que nos acompañan desde a primeira edición do Salón co seu apoio, o seu consello e a súa presencia. Colaboracións especiais foron as do IES Carlos Oroza, coas súas delicias gastronómicas, e o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, o Seminario Permanente de Jazz e a orquestra Lira, a quen tivémo-la oportunidade de escoitar no inicio deste acto de clausura, a todos gracias por lle poñeren a banda sonora ó Salón.

O tempo de duración “oficial” do Salón do Libro foi unha semana, desde o pasado domingo ata hoxe, aínda que na realidade vai seguir funcionando case outras dúas semanas máis para dar acollida a todos os centros educativos que se interesaron por participar nas súas actividades, e aínda permanecerá aberto ata o venres 3 de marzo para a atención a outros colectivos e para tódalas persoas que se queiran achegar a visitalo. Pero se o tempo de apertura do Salón é dun mes, o traballo de planificalo, de xestionalo, de organizalo e de facelo realidade é moito máis longo, tan longo que se pode dicir que a creación dun Salón comeza ó día seguinte de rematar o anterior. Así que, deseguido, agárdano-lo traballo de prepara-la oitava edición desta cita cos libros.

Todo este traballo, pracenteiro pero tamén laborioso e complexo, é realizado, en colaboración, por dúas asociacións que unen as súas ideas, a súa creatividade, o seu esforzo, que unen, en definitiva e de xeito altruísta, o mellor que teñen de si. Son a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a asociación MáisLibros. O conxunto de persoas que participan na preparación do Salón fanse chamar a si mesmas, de forma algo novelesca, “a organización”. E, á fronte da organización, levando o enorme peso da súa coordinación e sendo a súa imaxe pública, Helena Torres Blanco.

Ficheiros

© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra