Venres, 12 de xaneiro de 2007
2 fotos • 2 ficheiros adxuntos
Sapos, curuxas, demos e bruxas serán algúns dos protagonistas da próxima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar o vindeiro mes de febreiro de 2007.
Na altura da oitava edición deste Salón, era tempo xa de darlle preeminencia a un dos grandes temas da literatura de tódolos tempos: o medo. Ben como exemplo moralizante, como recurso humorístico e ironizante e tamén como exploración da psique humana en busca de sensacións no límite da razón, en tódolos sistemas literarios aparecen o susto, a sorpresa, o descoñecido e o terror desde a raíz da tradición oral. Na cultura galega, nomeadamente, o medo constitúe unha das vetas máis prolíficas e de meirande riqueza expresiva. No oitavo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra este convidado ás veces sinistro e ás veces curioso será a base de obradoiros para nenos e adultos, sesións de contacontos, relatorios, exposicións e espectáculos no afán de gozar, unha vez máis, da palabra. A carta de presentación é esta vez obra da ilustradora lucense Noemí López.
O cartel desta ilustradora galega cunha traxectoria xa abondosa a pesar da súa mocidade representa unha nena lectora rodeada de monstros de cores que emerxen dos libros. Segundo a súa autora, o debuxo reflicte a actitude curiosa coa que os pequenos afrontan o feito de ler. Noemí López mergúllase na súa propia nenez e nas historias fantásticas que lle narraba o seu avó para manifestar que son os maiores os que moitas veces son máis medoñentos cós nenos, “querendo pensar por eles cando a vida nos obriga a enfrontarnos a cousas boas e malas”. Eses seres que nacen da literatura son, vistos cos ollos abertos da nena que le, de cores porque representan a súa curiosidade, a aventura de descubrir unha historia nun libro e o nacemento de moitas emocións, “a súa viveza contrasta co fondo negro, símbolo universal do medo e da noite, momento íntimo máis proclive á lectura”. Os trazos pintados con ceras de Noemí son angulosos unhas veces e en espiral outras porque “as historias de terror teñen oscilacións, hai momentos de ritmos calmos que se rompen con acontecementos inesperados que aportan dinamismo”. Noemí apóiase nos recordos da infancia na que conviven as historias da tradición oral e os debuxos animados da televisión e da banda deseñada, estilos que se mesturan neste debuxo. A ilustradora estará de novo presente neste Salón do Medo, no que impartirá un obradoiro de debuxo e no que poderemos ver unha selección dos seus últimos traballos. Na actualidade prepara dous proxetos de ilustración de libros e está a piques de presenta-las súas colaboracións con autores como Darío Xohán Cabana e Antonio Reigosa.
Este cartel servirá de pórtico a un evento que homenaxeará ó escritor de Cangas Bernardino Graña e no que Brasil será o país convidado. Como en anos anteriores, acompañaránnos recoñecidos artistas e profesionais das letras e da ilustración. A pasada edición, consagrada á natureza, foi visitada por 18.000 persoas, das que máis de 4.000 foron escolares da comarca que participaron directamente no evento a través da súa contribución a unha mostra de traballos que se exhibíu nese contedor de fantasía en que se convirte o Pazo da Cultura de Pontevedra durante o Salón. Se ben a cita pontevedresa cos libros xa é un referente estatal, a fórmula deste éxito non cambiou desde os seus inicios: ilusión, amor pola palabra e un inxente esforzo por parte dun grupo humano que consegue implicar ós axentes culturais e, moi especialmente, ós centros educativos da cidade. Estes bos cimentos proxetan o noso Salón máis aló das nosas fronteiras: Bolonia e Frankfurt, ó abeiro da presenza institucional da Xunta de Galicia, foron algúns dos seus destinos no pasado 2006.
Tamaño: × (119.2 KB)
Cartel do VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Tamaño: × (1.8 MB)
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra