Xoves, 18 de xaneiro de 2007
A diversificación de espazos é unha das principais novidades deste ano, no que o país convidado é Brasil e os ilustradores son algúns dos grandes protagonistas.
A Casa das Campás acolleu esta tarde a presentación das actividades da oitava edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, nas que tomarán parte 6.000 alumnos de educación infantil, primaria e secundaria de centros escolares da comarca de Pontevedra. Este Salón do Medo promete experiencias inesquecibles para os máis pequenos, que gozarán dunha coidada ambientación do Pazo da Cultura. O medo e a curiosidade camiñan da man, por iso é unha das fontes de inspiración máis estimulantes para os creadores. Iso quedará ben patente nesta edición.
Fieis á nosa tradición, manténse a figura do escritor homenaxeado, que este ano corresponderá a Bernardino Graña. E inauguramos unha nova, a do país convidado, que é Brasil. O país carioca estará representado nunha das exposicións amais de pola escritora Ana María Machado e mailo ilustrador Rui de Oliveira. A primeira impartirá un obradoiro para adultos e dará unha conferencia e o segundo tomará parte das “Clases Maxistrais de Ilustración”. O público galego terá pois, unha magnífica ocasión para tomar contacto coa literatura brasileira para nenos, de moi fecundo e prolífico predicamento.
Diciamos que os ilustradores acadan meirande protagonismo neste Salón e as “Clases Maxistrais de Ilustración” ben que o proban. Neste seminario, artellado polo debuxante Kiko da Silva, tomarán parte oito profesionais de recoñecido prestixio que xa participaron no Salón en edicións anteriores. Nas clases amosarán o proceso de creación dun libro ilustrado, desde a idea ata a elaboración técnica pasando polo story board e outras fases. Pero tamén falarán do xeito de traballar en publicidade e nos medios audiovisuais (por exemplo, Isidro Ferrer e as súas curtas para Canal + e Miguelanxo Prado e o filme sen palabras De profundis ). Está dirixido a profesionais do sector e interesados. A inscrición é gratuíta pero limitada a 40 prazas e vaise celebrar na Casa das Campás do 8 ó 10 de febreiro. No mesmo recinto exhibiranse as ilustracións que serán obxecto de comentario no ciclo.
No Pazo da Cultura será posible visita-la habitual exposición cos traballos dos escolares cabo doutras dezasete máis, incluíndo a ambientación xeral do inmoble e o espazo de exposición de libros, no que haberá textos escritos en tódalas linguas do Estado. Unha desas mostras é “Ilustrísimos”, un completo e excelente panorama da ilustración en España creado para a Feira do Libro de Bolonia (Italia) do ano 2005.
E aínda podemos engadir outro punto de interese neste “roteiro do medo”, porque o Salón chega tamén á Biblioteca Pública. O lugar que por definición é a casa dos libros acollerá a exposición “¡Que viene el Coco!”, deseñada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil e que amosa unha visión tenra e humorística do monstro infantil.
O espírito aberto das entidades educativas de Pontevedra quedará patente con novas achegas á longa lista de colaboradores co Salón. Como novidade, alumnos e alumnas de 1º e 2º da especialidade de mestre de educación musical da Facultade de Ciencias da Educación farán un espectáculo de música e danza para os cativos que nos visiten, e os de Ciencias Sociais realizarán un DVD cun resumo do Salón do Medo.
No capítulo de actividades, ós habituais obradoiros para nenos (escrita, ilustración e medio ambiente –este último desde a edición anterior-) sumamos este ano un de música, que dirixirá Antón Castro, de Fuxan os Ventos. E aumentan tamén as presentacións de libros, case unha por día. En definitiva, que xa todo está preparado: os contadores quentan as súas gorxas, os debuxantes afinan os lapis e só falta que chegue o día 4 e todos, por fin, nos sentemos a escoitalos.
© 2006–2008 Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra